M.B. – Vigo
Vermutería de Galicia acaba de ser galardoada co ‘Bacelo de Prata’ 2018 por ter vendido 300.000 botellas cada ano en 15 países, todas elas etiquetadas en galego. “Unha honra” para Cristina Codesido, titular da empresa e quen recibiu o recoñecemento con moita emoción: “Con cada botella de Petroni que se atopa polo mundo adiante quixemos facer unha homenaxe á nosa Galicia por darnos tanto, e fíxate, como é a nosa nai… que é ela a que agora nos volve a premiar de novo”.
A aposta de St. Petroni pola identidade galega late en todas as vertentes: Dende as materias primas –os vermús St. Petroni están elaborados exclusivamente con uva do Pazo de Arretén, onde a famosa escritora Rosalía de Castro pasou boa parte da súa infancia– ata o nome –Santo Patrón fai referencia a chegada dos restos do Apóstolo Santiago a vila de Padrón–, pasando polo deseño da propia botella ou o etiquetado.
E todo elo, apunta Codesido, para gritarlle ó mundo o que se está a facer en Galicia, cun selo de identidade moi claro. Todo elo dende o sentimento, as entrañas, e, por suposto, en galego. O orgullo e a gratitude agora, di Codesido, son inmensos porque cumpriron co seu obxectivo: “Levar a Galicia por todos os foros e levala na nosa lingua”, que agora vese recoñecido.
A herdanza de Das Casas
O escritor galego Álvaro das Casas (Ourense, 1901), enormemente comprometido con Galicia, foi o fundador da primeira cooperativa de viño en O Ribeiro. Xa na primeira metade do SXX, defendeu que a Comunidade tiña que mellorar a calidade dos seus viños, internacionalizalos e, sobre todo, vinculalos coa súa lingua e cultura. A asociación que leva o seu nome cumpre xa doce edicións organizando os premios Bacelos de Prata cos mismos obxectivos que Das Casas e buscando, polo tanto, a normalización do galego no noso vitícola. Dende o ano pasado, inclúense entre as candidaturas do certame a todo o agroalimentario galego. Ademais da Vermutería de Galicia, este 2018 tamén foi destacado polo xurado a empresa de conservas vexetais ecolóxicas Conservas Amorodo.