Adegas Celme, de Astariz-Castrelo de Miño (Ourense), acadou un dos dous premios Bacelos de Prata do presente ano.
Esta adega da denominación de orixe Ribeiro, unha iniciativa que nace de man de dous novos emprendedores que decidiron sacar adiante seu proxecto vital apostando pola recuperación do agro como forma de vida, producindo viños en ecolóxico elaborados con castes autóctonas: Sousón, Brancellao, Treixadura, Godello, Albariño, etc…
Trátase de viños como o Celme de Pena Bicada e celme Garabito en brancos e Celme do Souto tinto e o vermú Celmú, todos etiquetados exclusivamente en lingua galega como sinal de identidade e garantia dunha maneira de facer que promove unha recuperación respectuosa co territorio e o medio ambiente e achegando ao mercado produtos de alta calidade.
Considerou o xurado que iniciativas como esta, e a da Adega Terras de Bendaña, de Sobrado-San Pedro de Lincora, en Lugo -o outro premio Bacelos de Prata do 2022-, son fundamentais para fixar poboación no rural e evitar a despoboación masiva dos territorios do interior de Galicia.
O xurado dos premios acordou conceder ambolos dous premios tras unha reunión o pasado venres 16 de setembro no Pazo dos Ulloa en Esposende (Ribadavia).