Praza.gal – Os ‘Bacelos de Prata’ recoñecen a aposta comercial pola lingua galega de Leite Noso e a Adega Tapias Mariñán

Bacelos de Prata 2022

Dende o ano 2004 entréganse os Premios Bacelos de Prata, impulsados pola Asociación Álvaro das Casas e o Foro Enrique Peinador para “premiar o esforzo” daqueles colleiteiros e adegueiros (e outras empresas) que utilizan a lingua galega na etiquetaxe e publicidade dos seus viños e produtos, seguindo o exemplo do propio Álvaro das Casas que no ano 1936 lanzou o Manifesto da Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia (UCRA) co obxectivo de potenciar a produción propia e o orgullo polo noso. A asociación pretende, con estes premios, que impulsar o proceso galeguizador nun sector fundamental na economía de Galicia.

Os galardóns, que chegaron este ano á súa décimo quinta edición, deron a coñecer esta fin de semana os gañadores no ano 2023. O xurado, reunido como é habitual no Pazos dos Ulloa, en Esposende-Ribadavia, acordou conceder os Bacelos de Prata á Adega Tapias Mariñán, da denominación de orixe Monterrei, e á sociedade de gandeiros galegos Leite Noso, que comercializa a marca Deleite. 

A adega do Pazo dos Ulloa foi o lugar onde no mes de decembro de 1935 se preparou o borrador da declaración fundacional da Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia.

O xurado estivo composto por Avelino Muleiro (presidente da Asociación Álvaro das Casas), Xosé González (presidente do Foro Enrique Peinador), Clodio González Pérez (etnógrafo), Xosé Carballido (enxeñeiro técnico da consellaría de Medio Rural e coordinador de IRGADE -Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros-), Cándido Vázquez Mosquera (propietario da Casa dos Ulloa), o fiscal Carlos Varela García (fiscal e membro do Foro Enrique Peinador), Aurora Villar, Calso Domínguez (colleiteiro) e Carme Pérez Vaquero (secretario da Asociación Álvaro das Casas).

Adega Tapias Mariñán, da denominación de orixe Monterrei situada na localidade de Pazos, no concello de Verín, dende o ano 2007 elabora viños con marchamo de identidade e garantía de orixe utilizando a lingua galega nas etiquetas dos seus caldos “levando o noso idioma con orgullo nos mercados onde se comercializan”, destacou o xurado. Elabora viños como ‘Quinta das Tapias’, ‘Pazo de Mariñán’, ‘Tapias 10’.

O xurado salienta “a importancia da iniciativa empresarial destacando a aposta que fan pola lingua galega que espallan a través da publicidade, páxina web e as etiquetas dos viños nos fogares e restaurantes onde se consumen”.

Leite Noso Sociedade de Gandeiros Galegos é unha empresa constituída no ano 2016 en Santiago “coa vontade de garantir unha produción de leite de calidade exclusivamente en lingua galega co compromiso de achegar un produto de calidade aos consumidores e consumidoras sen intermediarios para seren competitivos no mercado”. Utiliza unha filosofía de incorporación da lingua galega na etiquetaxe e publicidade coa finalidade de “identificarse coa identidade cultural do país”.

A empresa ao abeiro da RSC desenvolve unha serie de actividades periódicas a prol da cultura, a literatura, as artes, o cinema ou a música “considerando que son parte fundamental da idiosincrasia galega”. O xurado destaca que coa súa aposta pola lingua nos envases da marca Deleite, comercializada nos grandes centros de distribución, “danlle unha ampla visibilidade á lingua galega”.

Álvaro das Casas, militante do Partido Galeguista e membro correspondente da Real Academia Galega, onde exerceu de catedrático e director do Instituto local de Noia, onde fundou os primeiros grupos Ultreya, organización xuvenil galeguista. En xaneiro de 1936 redactou en Ribadavia o manifesto UCRA, que afondou en diversos temas de interese para o sector vinícola galego, dende a globalización dos mercados, a mellora da calidade dos caldos producidos, o cooperativismo ou a publicidade dos produtos.

Neste texto Álvaro das Casas “fíxolles ver aos seus paisanos convulsionando os fíos telúricos que tecen a natureza das persoas, a necesidade de sublimar a súa autoestima modernizando as técnicas de producción e deseñando estratexias de consumo”, destacou Avelino Muleiro (presidente da Asociación Álvaro das Casas).

O manifesto denunciaba “a competencia de viños peores e máis baratos e o acarreo encuberto e cobarde de viños alleos a Galicia” e reclamaba que todas as persoas do Ribeiro e de Galicia enteira se convertesen en “propagandistas incansabeles e fervorosos dos nosos viños”.

“Valencia é famosa pol-as súas laranxas, Asturias pol-a súa sidra; Andalucía pol-os seus aceites, Castela pol-o seu trigo, Cataluña pol-os seus tecidos. O Ribeiro é famoso polos seus viños dende fai máis de vinte séculos (…) Defendamos esta fama como a millor herencia, salvemos os nosos viños como o millor do noso patrimonio. O viño é para nós groria e pan. Unámonos para a súa defensa e a victoria traeranos,outra vegada, o pan e a groria”, concluía o manifesto.

Previous articleLa Región – A Adega Tapias Mariñán de Monterrei faise cun Bacelo de Prata
Next articleFaro de Vigo – Premios Bacelos a Deleite e a Tapias Mariñán polo uso do galego no etiquetado