Cunha breve actuación de danza – “Instante gradual” de Kirenia Danza–abriuse onte na Cidade da Cultura, no Gaiás, a entrega dos Premios da Cultura Galega. A xornalista Cristina García López foi a encargada de conduci-lo acto para o que Soledad Penalta realizou o deseño dos galardóns. A obra “Unha decisión profunda”, simboliza as manifestacións culturais que xa están aquí e as que agardan por vir.
Como fío sonoro da gala, actuaron Laura Laontagne e o DJ PicoAmperio coas mans da tradición lírica galego-portuguesa e os sons electrónicos a entrelazarse, se ben tamén actuou a soprano Laura Alonso Padín que pechou a gala co himno galego.
Román Rodríguez, o conselleiro de Cultura, foi o primeiro en ofrecer un discurso. Resaltou que estas distincións recoñecen o bo traballo feito no eido cultural, labor que ten unha “especial importancia” polo momento “complicado” no que nos atopamos por mor da pandemia que “cambiou o noso xeito de entende-la vida e a nosa maneira de acceder á cultura”. Asemade, tamén tivo unha lembranza para a Xeración Nós así como para Isaac Díaz Pardo polas efeméredes.
Nas cadeiras, seguían as súas verbas os presidentes da Xunta, o Parlamento, Consello da Cultura e diferentes persoeiros e representantes políticos. Nesta edición, a gala foi ofrecida nun acto nun espazo de acceso reducido para evitar aglomeracións.,
A primeira premiada en recolle-lo galardón foi a viguesa Ledicia Costas na modalidade de Letras. Saltou ó escenario improvisado para pronunciar un discurso curioso que comezou coas letras de catro dos seus fans, lectores de dez anos de idade, que lle escribiron unha carta na que a presentaban –como ela ben leu no Gaiás– como “unha guerreira que protexe en corpo e alma o galego. Ela defende a igualdade de xénero nos seus libros como sucede coa señorita Bubble” ademais de subliñar que “os seus libros son portais a un mundo de cor”.
Costas explicou que recebe cartas así a miúdo e que por misivas e sentimentos dese xeito escrebe literatura infantil e xuvenil.
A autora aproveitou tamén para lamentar que os espazos que lle adican á literatura para os pequenos “son mínimos”, mentres as súas autoras son tratadas con “condescendencia, como se non fósemos escritoras completas”.
A continuación, Xosé González “Pepiño” recibiu o premio da Lingua como dinamizador do idioma galego como creador do primeiro Servizo de Normalización Lingüística de Galicia no Concello de Redondela e fundador de colectivos na defensa do idioma no sector económico, na xustiza ou na administración.
González lembrou que o seu labor consistiu en “move-los marcos que coutaban o noso país e a nosa cultura” ó tempo que enfatizou que “protexer unha lingua requere unha ampla visión”.
En Artes Escénicas, recolleu o premio Consuelo Pampillón xa que o galardón foi destinado a Fegatea, Federación Galega de Teatro Afeccionado, entidade que ela preside e que naceu hai vinte anos e que agora une a un milleiro de persoas por toda Galicia.
No eido audiovisual, a distinción recaeu en Chema Prado, exdirector da Filmoteca Española; mentres que na música acadouno a Central Folque (recollido polo seu director artístico, Ramón Pinheiro), un proxecto pedagóxico pioneiro para cubri-las ensinanzas regladas da música galega tradicional.
Tras estes premios, a gala continuou a outorga-lo de Cultura Galega no Exterior a Ildiko Szijj como responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest onde promove cursos en galego e sobre cultura galega. Se ben non puido acudir a recolle-la distinción, si enviou unha carta que leu a escritora Elba Pedrosa.
No seu escrito, recoñeceu que era “unha honra” recibi-lla distinción ó tempo que recoñecía que arelaba por volver “respira-lo aire galego” ademais de agradecer ás amigas e amigos galegos a súa axuda.
Tras este discurso, a poeta Iolanda Castaño recitou uns versos apoiada mediante o audiovisual pola actriz lucense Benedicta Sánchez (Premio Goya), a produtora Cecilia Carballido; o artista Francisco Leiro; a música Xiana Lastra; o escritor Manel Loureiro; ou Encarna Lago da Rede Museística de Lugo; sen esquecer ó actor Juan Rodríguez ou á comisaria de arte Mónica Maneiro; ademais do xerente de sala de concertos Suso Santamaría e o actor Touriñán, entre outros.
A continuación, foi Xurxo Lobato quen se levou o premio de Artes Plásticas.
Nesta edición, a Fundación Penzol conseguiu o de Patrimonio Cultural entregado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen llo entregou a Manuel Puga, presidente da entidade viguesa. Este último empezou por adica-las súas primeiras verbas a Fermín Penzol quen en 1963 constituiu a Fundación co seu legado.
Tamén destacou o compromiso da xente do Padroado así como as xentes que ocuparon cargos de responsabilidade como Francisco Fernández del Riego, Blanca Jiménez Alonso (viúva de Penzol) e Zulueta de Haz e Francisco Domínguez.
Por último, agradeceu ó Concello de Vigo “o extraordinario apoio”que lles vén ofrecendo dende 1985; ós traballadores e voluntarios que colaboraron nestes anos.
Finalmente pechou o acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén lembrou á Xeración Nós. Asemade destacou que “Galicia é unha realidade construída dende a cultura” coa súa “entidade propia” con “heroes” da cultura que se ofrece como “refuxio”.
- Álvaro das Casas
- Asociación Couto
- Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüistica
- Foro Enrique Peinador
- Fundación Lois Peña Novo
- IRGADE
- Irmandade Xurídica Galega
- ISAGA