Cando se fala do asociacionismo cultural galeguista en tempos do franquismo hai que reparar obrigatoriamente na Asociación Cultural de Vigo. Unha entidade que foi senlleira nun tempo nas as homónimas – “O Galo”, en Santiago; “Auriense”,en Ourense, “Amigos da Cultura”, en Pontevedra e “O Facho” na Coruña- tiñan unha programación excesivamente culturalista, de baixa intensidade.
No ano 2021 o Consello da Cultura Galega publicou un libro titulado “Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975). Unha obra coral escrita por unha ampla nómina de colaboradores. Deliberadamente non foron convidados a participaren na reconstrución desa historia algúns protagonistas que vivimos aqueles tempos. Así que o resultado da publicación non foi o que debera ter sido. Nela os relatores repítense enumerando algunhas xeralidades. Nótaselles os escasos coñecementos dun exemplo excepcional no panorama cultural galego daqueles tempos.
A Asociación Cultural de Vigo tivo unha praxe transversal como correspondía á cidade máis importante de Galicia en todos os aspectos da vida política, social e económica. Podemos afirmar que no seu crisol agromaron iniciativas de variado tipo que se dirixían á pluralidade social da cidade. Dicir que o nacionalismo galego naceu naquela lareira socrática é unha evidencia indiscutible. As experiencias ensaiadas no seu local social foron novidosas e dinamizadoras para artellar un discurso galeguizador e praxes transformadoras.
A riqueza daquela pluralidade asociativa irradiou na cidade un galeguismo vizoso, salientando a influenza no movemento obreiro, a aportación social máis novidosa, sen dúbida. Por iso podemos afirmar que os conflitos laborais do ano 1972, as súas folgas e mobilizacións obreiras estivesen tinguidas de ideoloxía nacionalista, cualidade que non tiveron as do Ferrol.
É difícil compendiar nunha colaboración xornalística o inmenso labor desenvolvido pola Asociación Cultural de Vigo. Mais sinalarei tres feitos que ilustran a grandeza daquelas actividades.
En primeiro lugar, o programa radiofónico “Raíz e Tempo”, emitido semananalmente desde a emisora “La Voz de Vigo”, nunha franxa horaria de moita audiencia, no que se debullaban aspectos da historia de Galicia con acaídos comentarios descoñecidos para a inmensa maioría dos radiouvintes. Aquelas emisións radiofónicas tiveron ao pouco tempo réplicas noutras emisoras locais do país.
Pero sen dúbida, a actividade máis orixinal de todas foi a creación da primeira cooperativa de consumo de Galicia, “COGALCO”, unha iniciativa moi ben valorada polas clases traballadoras da cidade e contorna. Chegou a ter milleiros de socios e varios centros de distribución de alimentos e unha variada oferta de produtos para o mercado con prezos que aliviaban a carestía da vida para as economías obreiras. COGALCO foi, ademais, unha escola de formación social na que concorreron distintas correntes políticas contrarias ao réxime cun maxisterio galeguizador.
Outra iniciativa de arriscado compromiso político foi a celebración dun festival musical nun pavillón municipal de deportes coa participación de coñecidos cantautores, de aquén e alén das nosas fronteiras, en decembro de 1970, coincidindo coa celebración do Consello de Guerra de Burgos e o secuestro do cónsul alemán Behil por ETA, que convulsionaron a opinión pública que se aliñou contra a ditadura franquista. Lembro a figura do presidente do Centro Portugués da cidade, Eduardo de Sousa Calvet de Magalhaes, colaborando connosco na organización daquela magna concentración.
Agora que a ciencia demoscópica pode cuantificar os niveis de adhesións á galeguización da cidadanía, traemos a memoria da Asociación Cultural de Vigo porque a sementeira feita por ela naqueles tempos co paso do tempo vai agromando vizosa para seguirmos reconstruíndo a identidade galega. Por iso considerei impudente que alguén manifestara imprudentemente, no acto de presentación do libro aludido, que os protagonistas daqueles anos non eramos conscientes do alcance do noso labor. Claro que o sabiamos: á Brigada Político-Social vixiabamos decote.