Solaina Minei, Quixerías Bama, Pan de Cea e Evega foron os premiados
A adega Solaina Minei de Castrelo de Miño e Queixerías Bama de A Coruña recibían onte os Bacelos de Prata da Asociación Álvaro das Casas, no transcurso dun acto que se celebrou no Pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia). Ao mesmo tempo recollían mencións honorificas a Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), “catro colectivos representativos dos viños e dos produtos agroalimentarios elaborados en Galicia, co valor engadido de seren etiquetados en galego”, segundo manifestaba no seu discurso Avelino Muleiro, presidente de Álvaro das Casas.
O acto abríase con María do Ceo, que foi realizando distintas interpretacións entre cada unha das intervencións programadas, e presentadas por Xosé Carballido.
Recuperación da aldea
Avelino Muleiro fixo un alegato pola recuperación das aldeas, sinalando que “é urxente xerar unha nova conciencia encamiñada a conservar estas aldeas e a deseñar iniciativas para que as repoboen fornadas de novos veciños que cheguen buscando un lugar onde acollerse e traballar”. Carme Pérez, secretaria da entidade daba lectura á acta dos premios, que recoñecen de Quixerías Bama que “desde sempre ten apostado polo uso da lingua galega como vaior engadido aos seus produtos de alta calidade. De Solaina Minei que “foron quen de converter setecentos cachos de abandono nunha gran viña que fala galego, recuperando a economía, a paisaxe, a lingua e a autoestima”, sinalaba Carballido. En relación á distinción á IXP Pan de Cea destaca, ademais do idioma, a elaboración artesán que se mantivo ao longo dos tempos; e da Evega, entre outros méritos está a recuperación das castes autóctonas e a creación do banco de xermoplasma para promover a diversidade e manter o patrimonio xenético.
Despois das intervencións dos premiados e doutros invitados como o presidente do Consello Regualdor, Juan Casares, e do alcalde de Ribadavia, César Fernández, o conselleiro de Medio Rural, José González, clausuraba o acto sinalando que “non se podería falar da nosa cultura sen achegala e unila á gastronomía galega en xeral e á calidade dos nosos produtos en particular”, asegurando que a consellería fai una clara aposta pola recuperación do rural.