Badal Novas – Para sermos máis nós.

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Sendo xuíz na vila d´A Estrada don Fermín Bouza Brey tomou a decisión de estudar unha segunda carreira, Filosofía e Letras. Foi o primeiro alumno da Universidade de Santiago de Compostela que fixo o exáme escrito en lingua galega en 1931. Enumerar outros exemplos sobardaría o espazo concedido para a publicación deste artigo.

O fomento dos usos lingüísticos nas actividades familiares, profesionais e societarias precisan de vontades decididas dispostas a asumiren a parte alícuota que nos corresponde. Adiar esta función é retrasar considerablemente o proceso de galeguización, ao tempo que caldo de cultivo para que se consoliden os complexos lingüísticos diglósicos e liturxias perversas de exercer un galeguismo a tempo parcial, é dicir, restrinxido a determinadas épocas do ano.

O Día das Letras Galega é unha celebración obsoleta, inservible para os retos que ten a lingua galega nos espazos da ciencia, economía, novas tecnoloxías e outras áreas. A creación literaria puido ser o único medio posible no seu tempo. Hoxe non. Por iso apostamos pola mudanza, denominándoo Día da Lingua Galega.

Cada persoa, independente da súa idade ou profesión, pode ser un dinamizador da lingua galega. A xeito de exemplos enumeramos algunhas actividades que se poderían poñer en práctica. Estas son as propostas que facemos:

1.- Galeguizar os nome e apelidos deturpados.

2.- Procurar que os actos xurídicos documentados (escrituras, testamentos, creración de empresas…) se realicen en lingua galega; incluíndos nos testamentos unha manda de carácter pedagóxico, instando aos herdeiros a aseguraren o futuro do noso patrimonio cultural.

3.- Solicitarlles ás empresas subministradoras de servizos domiciliarios (auga,gas,telefonia…) que galeguicen as comunicacións connosco.

4.- A mesma pretensión manifestarllela ás entidades bancarias e de seguros, e nomeadamente as empresas de decesos para que queden obrigadas mediante a inclusión dunha cláusula na póliza a realizaren os sepelios en galego (lirtuxia relixiosa e esquelas)

5.- Aquelas persoas que formen parte das directivas de entidades culturais e deportivas deberían fomentar e dinamizar o galego nas súas actividades.

6.- Da mesma maneira, as que participen nas comisións organizadoras de festexos populares deben procurar que o noso idioma e música tradicional teñan a debida presenza decorosa nas programacións.

Hai outras que tamén poden axudar o seu:

7.- Os que formen parte das comisións veciñais de montes en man común, deberan instar ás directivas a que se habilite a correspondente partida orzamentaria para subvencionar ou pagar a totalidade do importe das lápidas mortuorias en galego dos comuneiros falecidos.

8.- Os que sexan propietarios de todo tipo de negocios( bares, restaurantes, cooperativas, comercios…) que galeguicen as súas actividades.

9.- Os afiliados dos sindicatos que demanden dos seus delegados que os convenios colectivos se publiquen en galego, e que neles se inclúa unha cláusula titulada “dereitos lingüísticos dos traballadores e traballadoras”, para garantir o uso do idioma oralmente e por escrito nas relacións laborais e órganos xurisdicionais;

10.- Cando se presente a circunstancia de intervir nun proceso xudicial testemuñar na vista oral en galego, e instar ao avogado elixido para que a defensa dos nosos intereses se fagan nos procedementos escritos e na oralidade en lingua galega , demandando consonte coa lexislación vixente que se dite en galego a sentenza.

11.- Consumir produtos galegos, e, entre eles, amosar preferenza polos etiquetados en galego. Desta maneira apoiaremos unha economía de noso galeguizada.

12.- Practicar o bilingüismo pasivo como acto de reafirmación: que os nosos interlocutores se expresen en castelán, se queren, sen que nós renunciemos á nosa levados pola improcedente xustificación da deferencia cos demais.

Propostas que son para realizar na esfera privada. A familia debe ser unha escola de maxisterio galeguizador en todos os momentos, sen vacacións. Non teñamos medo a sermos moi galegos.

Previous articleEixoAtlantico – Para sermos máis nós.