Faro de Vigo – Castrelo de Miño, medio século despois

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Van aló cincuenta e cinco anos desde que a empresa hidroeléctrica Fenosa empezou a construír o encoro de Castrelo de Miño no medio dunha contestación social sen precedentes.

A prestixiosa “Revista de Economía de Galicia”, por exemplo, afirmaba con inequívoca rotundidade que Castrelo de Miño era o caso particular dun problema xeral: os proxectos de aproveitamento hidroeléctrico “integral” dos nosos ríos. Consideraba que a realidade socioeconómica de Galicia esixía que non se construísen encoros nos cursos medios e baixos dos nosos ríos. De construílos, suporía arruinar unha comunidade rural próspera de varios miles de persoas –estimábase que serían 8.000 os afectados– pola humillante carencia de luz eléctrica en milleiros de aldeas galegas; a que produciría o encoro iría destinada para fóra de Galicia.

A memoria das loitas promovidas para paralizar tamaña obra está recollida no libro de Arturo Reguera, Castrelo de Miño: loita, represión, espolio, desastre económico, desastre humano publicado pola Fundación 10 de Marzo. Nas súas páxinas relátanse as partipacións de partidos políticos na clandestinidade e personalidades senlleiras da cultura galega que mobilizaron a opinión pública, superando as dificultades que non foron poucas. Significativo foi o escrito dirixido ao Goberno por 1.500 escritores, artistas, catedráticos, avogados, científicos e profesionais galegos denunciando as consecuencias desastrosas que ocasionaría a construción do salto naquel lugar.

Naquel contexto celebrouse un banquete no Hotel Roma de Ourense ao que asistirían douscentos vinte comensais, cifra ratificada curiosamente por un informe da Brigada Político Social. O pretexto para celebrar tal banquete foi unha homenaxe de despedida a Celso Emilio Ferreiro que marchaba para Caracas. Pero en realidade todos os convocados eran sabedores de que na celebración de tal homenaxe escenificaríase o rexeitamento ao encoro.

O éxito da convocatoria foi grazas aos esforzos que puxeron no empeño Luís Soto Fernández, Xesús Alonso Montero, Xosé L. Méndez Ferrín e o avogado Amadeo Varela, que estiveron ao fronte daquel acto que mobilizou unha amplísima representación da intelectualidade galega. No comedor do Hotel Roma sentaron tamén colleiteiros e un grupo numeroso de universitarios de Compostela, levados alí polo entusiasmo de Arturo Reguera. Houbo moitas intervencións, pero o discurso máis celebrado foi o de Ramón Otero Pedrayo, que non adoitaba participar en actos de marcado matiz político. Pero naquela ocasión fíxoo excepcionalmente para denunciar o “feudalismo eléctrico de Fenosa, protexido polo Estado, que é máis tiránico que o propio feudalismo da Idade Media”.

Malia estas mobilizacións sociais a obra iniciouse e aos expropiados quedábanlles dúas opcións: emigrar ou abrir tabernas nas cidades e vilas galegas. Optaron por esta solución para seguiren vivindo, e como non hai mal que por ben non veña, eses negocios déronlle vida á economía da comarca do Ribeiro.

Despois de cincuenta e cinco anos daquel acontecemento histórico é oportuno preguntarse que quedou daquilo na memoria das xeracións posteriores. Eu son da opinión do historiador Raúl Soutelo cando afirma que a loita de Castrelo de Miño non foi mencionada como debera nos traballos publicados da historia de Galicia contemporánea, e cando se cita faise sen o debido rigor. Do que aconteceu en Castrelo de Miño van quedando vivos poucos protagonistas. Servidor, que quixo organizar a celebración dun acto de recuperación da memoria non tivo éxito no empeño. Con toda probabilidade equivocouse petando en portas que non debera. Intentarémolo unha vez máis, se non queremos lamentar os perniciosos efectos que ten o esquecemento. Galicia debe ter conciencia do seu pasado para non andarmos aboiados.

Previous articleGalicia Confidencial – Ser diferentes para sermos existentes
Next articleFaro de Vigo – Os Premios da Cultura Galega botan un pulso á pandemia cunha gala especial