La Voz de Galicia – Os novos xuíces honorarios do Couto Mixto reivindicaron un mundo sen fronteiras

C. ANDALUZ

Fernando Venâncio, Ángeles Huerta e Mario García recibiron as chaves que lembran as que portaba os homes de acordo
Os Amigos do Couto Mixto nomearon novos xuíces honorarios na igrexa de Santiago de Calvos de Randín. Desde o 2000, a asociación premia o traballo de personalidades ou organizacións que destaquen no seu labor cultural e etnográfico e entréganlles, simbolicamente, unha chave que lembra á que portaban os homes de acordo. O escritor e académico portugués Fernando Venâncio, a directora de cine Ángeles Huerta e o deputado Mario García sumáronse a este ano á lista.

Fernando Venâncio foi nomeado pola la transcendencia do seu estudo Assim Nasceu uma Língua na reivindicación da lingua galega como eixo fundamental do idioma portugués. Aínda que non puido asistir ó acto por motivos persoais, enviou un escrito no que subliñou o honor e o compromiso que supón ser nomeado xuíz. Da directora de cine Ángeles Huerta, doutora en literatura comparada pola Universidade de Oviedo, destacaron a súa ultima película O corpo aberto, baseada nun relato do escritor Méndez Ferrín, na que recrea unha trama ambientada na fronteira galego-portuguesa, nas aldeas de Tourem e Pitoes, na Freguesía de Montalegre e nos concellos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín. Nela, sinalan desde a asociación, «reivindica o paganismo rural que existe en Galicia e Portugal, dúas terras que comparten formas culturais e que se perpetúan nun mundo globalizado a través da súa cultura popular». A directora asegurou estar emocionada pola distinción que dixo era para todo o equipo que fixo posible a película e para os veciños que participaron nela. «O corpo aberto é un cine de fronteiras, fala do divisorio, dos límites que delimitan as nosas identidades. Di que a fronteira é algo imaxinario. Non hai fronteiras, como din as Tanxugueiras, entre Galicia e Portugal, entre o masculino e o feminino ou entre os vivos e os mortos», sinalou.
O terceiro nomeamento foi para Mario García, deputado do PSC en Cataluña. Naceu en Calvos de Randín e defendeu a identidade do Couto Mixto como territorio singular en Galicia no foro institucional do Parlament. «Síntome orgulloso de estar aquí, na miña casa. As identidades son compartidas e as fronteiras non existen se non existen no corazón das persoas. Esta é a mensaxe que Galicia enteira traslada ó mundo. É un exemplo de identidade compartida. Temos que recuperar o noso orgullo, alí onde eu vaia proclamarei que son arraiano», concluíu.

Previous articleFaro de Vigo – G Ciencia, Rosa Castro e Felipe Senén reciben os premios Lois Peña Novo en Soutomaior
Next articleLa Region – El Couto Mixto nombra a sus tres nuevos jueces