No ano 2001 a Asociación de Amigos do Couto Mixto promoveu unha reunión transfronteiriza da que saeu a “Declaración de encontro entre os pobos do Couto Mixto (Galicia) e os pobos promíscuos (Portugal)”. Con ela pretendíase reforzar aínda máis as tradicionais relacións de boa veciñanza que de vello veñen mantendo aquelas xentes Relacións fondas e cordiais nesta área da raia seca, baseadas nos intercambios comerciais, culturais e os lazos familiares.
Un dos considerandos da Declaración, asinada polos representantes das Xuntas de Fregueria de Soutelinho, Cambedo, Lamadarcos, e os pedáneos das parroquias de Santiago, Rubiás e Meaus, xunto cos representantes da Cámaras de Montalegre e Chaves, e dous concellos galegos, Calvos de Randín e Baltar, reivindicaba das políticas rexionais da Unión Europea o apoio para o coñecemento e difusión dos valores culturais e patrimoniais, concretada en cinco puntos:
1) A estima polas nosas linguas, o noso territorio, a nosa historia e patrimonio;
2) O intercambio de información entre as súas áreas;
3) Un mellor e maior coñecemento dos valores culturais de calquera tipo entre as dúas comunidades;
4) Publicacións de interese sociocultural sobre a súa historia, etnografía e valores naturais;
5) Actividades de tempo libre para o seu uso socio-recreativo como o turismo rural ou o eco turismo.
A Declaración pedía que outros organismos como O Eixo Atlántico, a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, ou os Grupos de acción local da iniciativa Leader, proxectaran accións de diverso tipo nestas áreas transfronteirizas a través dos fondos estruturais. Estas demandas foron debatidas tamén en varios cursos de verán organizados polas universidadeS de Vigo, Tras-Os-Montes e Alto Minho e a Asociación de Amigos do Couto Mixto, dirixidos polo profesor universitario e membro da asociación don Xosé Manuel Cid.
O Congreso dos Deputados e Parlamento de Galicia debateron e aprobaron, por unanimidade, ademais, senllas iniciativas lexislativas promovidas polos deputados don Alberto Fidalgo e dona Laura Seara, respectivamente. Desde entón estes pobos están agardando a que os gobernos actúen en consecuencia e dean a coñecer as medidas demandadas polas cámaras parlamentarias. Dentro dun par de anos as axudas comunitarias serán desviadas a outros países da Unión Europea, perdéndose deste xeito as axudas necesarias para a concreción de proxectos e realizacións que revitalicen estas terras e pobos. Sería unha mágoa que isto acontecese por falta de inoperancia institucional, e que estes pobos transfronteirizos fosen marxinados social e economicamente. Isto suporía tamén o fracaso na creación da eurorrexión.
Son moitos os intelectuais que alzaron connosco a súa voz para salientaren a importancia do Couto Mixto como caixa de resoancia na demanda de solucións para os habitantes destas terras transfronteirizas. A case todos eles a asociación foilles recoñecendo o seu apoio. Personalidades relevantes do coñecemento, da creación literaria e investigación, que incrementarán o seu número co nomeamento de novos Xuíces Honorarios. Desta volta incorpóranse ao “colexio xudicial” os etnógrafos António Lourenço Fontes e Xosé Rodríguez Cruz, que, xunto co xeneral de división da Garda Civil e experto de Dereito Internacional e Humanitario, don Gonzalo Jar Couselo, fan que o Couto Mixto sega a ter valedores dentro e alén das nosas fronteiras. O acto celebrarase o próximo domingo, día 12, na igrexa de Santiago dos Mixtos. Están invitados.