Queixouse algunha vez don Ramón Otero Pedrayo de que non se traballasen a rego tanto os arquivos galegos como os de fóra de Galicia. Tiña o convencemento de que neles estaba adormecida boa parte da memoria histórica. Hoxe as cousas mudaron substancialmente. Os vellos legaxos de documentos están a seren desempoeirados polas novas fornadas de historiadores. Pero é posible que aínda queden moitas fontes documentais por atopar. Pénsese, que, por exemplo, despois de seis séculos, un anticuario chamado Vindel, en 1914, descubréu por casualidade un pergameo do século XII as partituras das cantigas de Martín Códax.
Máis recentemente, o profesor Henrique Monteagudo descubreu o documento máis antigo escrito en lingua galega . Trátase do ‘Foro do burgo de Castro Caldelas’ (Ourense), dado polo rei Afonso IX en Allariz en abril de 1228 que actualmente se conserva nos Arquivos dos Duques de Alba en Madrid. Levado pola información e intuición, eu mesmo descubrín, esgarabellando na terra cun pau, nos anos oitenta centos de quilos de pregos enterrado na Illa de San Simón, procedentes do antigo Lazareto cunha información moi interesantes sobre os fluxos migratorios.
Non é nada de extrañar que co tempo vaian aparecendo máis protocolos notariais escritos en galego, que foi a lingua usual para redactalos durante moitos séculos. O P.Sarmiento, no século XVIII, dixo que habia en Galicia tantos docuementos redactados en galego que darían para encher carros enteiros (“No hay género de escritura, testamentos, donación, venta, contrato foro, arriendo, compra, trueque, partijas,etc. que yo no haya visto y leído en Galicia o en latín o en gallego , y se pueden cargar carros de estos intrumentos que se conservan en Galicia). Moitos foron queimados irresponsablemente. Afortunadamente, desde que Galicia ten un réxime autonómico, a produción documental de todo tipo redactada en galego está depositada nos arquivos públicos.
Cando a historia estaba esluíndose, a píques de converterse en lenda, Luís M. García Mañá, deu coa documentación histórica para deixar constancia da existencia da república do Couto Mixto, cun réxime xurídico con competencias propias en distintos ámbitos, na que os cargos gobernamentais do territorio eran elixidos democraticamente nun contexto onde os absolutismos da Idade Media impedían tales prácticas de participación popular.
A Asociación de Amigos do Couto Mixto vai celebrar o próximo día 1 de xullo, despois de vintecinco anos da primeira convocatoria, a tradicional cerimonia da concesión de títulos a novos Xuíces Honorarios. Moitas son as persoas que xa foron distinguidas coas honras acreditativas: diploma, vara de mando e copia das chaves do arcón que se garda aínda hoxe na sancristía da igrexa de Santiago de Rubiás.
Este ano a Asociación, recoñecendo os méritos que concorren naquelas persoas que contribúen a manter viva a memoria do Couto Mixto, con investigacións e proxeccións internacionais, nomeará a novos Xuíces Honorarios con cadanseu perfil intelectual.
Ao escritor e académico portugués don Fernando Venáncio, autor do libro “Assim Nasceu uma Lingua”, “ pola transcendencia do seu estudo na reivindicación da lingua galega como eixo fundamental do idioma portugués, vinculación favorable no recoñecemento dos idiomas de dúas culturas diferenciadas cunha oríxe galega”.
Á Directora de cine dona Ángeles Huerta González, doutora en literatura comparada pola Universidade de Oviedo, pola súa película “O corpo aberto”, que recrea unha trama ambientada na fronteira galego-portuguesa, concretamente nas aldeas de Tourém e Pitöes, inspirada nunha obra do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. O filme recupera vellas tradicións que forman parte do imaxinario popular e dunha cultura antropolóxica compartida polos pobos arraianos.
Ao deputado do grupo socialista no Parlament de Catalunya, don Mario García Gómez, natural de Randín, “polo galeguismo que alimenta a súa poliédrica personalidade formada na diáspora galega, que quedou ben explicitada na defensa que fixo do Couto Mixto nunha sesión parlamentaria de gran repercusión mediática entre a colonia galega en Catalunya”.
No acto de entrega destas distincións anunciarase a incorporación dos novos membros da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto, entidade que quere contribuír ao reforzamento do discurso transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, reivindicando ser un dos epicentros da reconstrución da Gallaecia.
Home Asociación Couto