A MEMORIA DA NOSA LINGUA
Ter vivido unha vida expresándonos en galego e ser lembrados cunha lápida mortuoria en castelán é un exercicio de perversión que os galegos practican en demasía. EN GALEGO, AGORA E SEMPRE, é unha iniciativa da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) que se vén convocando hai máis de trinta anos. Os cemiterios infórmanos de que só unha de cada mil lápidas está escrita en galego, e as esquelas mortuorias publicadas nos medios de comunicación só un 1% se publican no noso idioma. Esta porcentaxe baixou nos últimos anos.
Hai ben anos que a AFNLG propúxolles aos concellos subvencionar o custo das lápidas, sen que tomasen en consideración a proposta. O Concello de Lalín vén agora de anunciar que dedicará 5.000€ a subvencións para fomentar o uso da lingua galega no ámbito funerario. Os cemiterios son espazos de visitas cotiás nos que o noso idioma debe estar máis presentes. O Concello de Salceda de Caselas anuncia para o día 29 un acto no cemiterio parroquial de San Xurxo no que poderán participar todos os veciños que o estimen do seu agrado asinando a acta das derradeiras vontades.
O Concello de Lalín quere poñer en marcha accións específicas cada ano a prol do galego ao marxe de manifestos e declaracións de boas intencións na defensa da lingua. O rexedor, José Crespo, avanzou este tipo de iniciativas a maiores da propia celebración do Día das Letras Galegas. Lamentou a progresiva caída no número de galegofalantes e o temor de perder nun futuro unha das sinais de identidade de Galicia.
Xunto coa concelleira de Cultura, Begoña Blanco, e a de Relacións Veciñais e Cemiterios, María Álvarez, anunciou que a partida dos orzamentos deste ano de 5.000 euros para normalización lingüística dedicarase a outorgar axudas a quen empregue o galego nas lápidas, nas placas de mármore ou metálicas co nome do finado, nos cemiterios do municipio. Unha idea que xa abordou no seu último mandato co presidente do Foro Peinador, José González.
Crespo subliñou que custearán o 50 % do custe desas placas, ata un máximo de 50 euros. Propoñerán a iniciativa aos marmoreiros para que podan sumarse con carteis nos seus locais e ofrecendo a opción a súa clientela. Prevén que despois do verán comece podería dotarse de máis diñeiro a partida para vindeiros anos se hai demanda. Tamén barallan no futuro cambiar placas de edificios públicos ao galego.