Galicia Digital – Un monumento funerario para Manuel Murguía

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

As Irmandades da Fala constituídas en 1917, seis anos antes do pasamento de Manuel Murguía, fundador do nacionalismo galego, reivindicou a soberanía estética de Galicia como un dos obxectivos para impedir a desfeita do noso patrimonio arquitectónico, monumental e popular.
Continuadores desa filosofía foron os intelectuais da Xeración Nós. O Partido Galeguista, fundado en 1931, incorporou ao seu programa o obxectivo das Irmandades, sendo o arquitecto Manuel Gómez Román o gran valedor da defensa dun estilo arquitectónico xenuinamente galego. Ramón Otero Pedrayo calificouno como o soñador das mil Compostelas para Galicia. As súas construcións espalladas pola xeografía galega e moitos proxectos inéditos que se conservan dan fé do aserto oteriano.

Por esta razón hai sete anos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) co gallo da celebración do asasinato de Alexandre Bóveda, queixouse publicamente da ignominiosa porta do panteón que garda os seus restos no cemiterio de San Mauro en Pontevedra. No ano 2014 denunciabamos que «Bóveda está enterrado detrás dunha porta de aluminio», e corresponsabilizabamos do indigno trato da súa memoria á Fundación que leva o seu nome, Concello de Pontevedra e familia, e a cantos asistían ano tras anos a facer a ofrenda floral sen inmutárense polo rechamante adefesio. Algún dos aludidos dándonos a razón decidíu cambiar aquela indecorosa e vulgar porta por outra máis digna de cristal. Ben feito!

Manuel Murguía, esposo de Rosalía de Castro, e fundador do pensamento nacionalista, está soterrado no cemiterio de San Amaro da Coruña baixo unha humilde lousa de granito cunha cruz de mármore desconchada cun texto en castelán da autoría dos seus fillos. No mesmo camposanto outros prohomes do galeguismo con cadanseus méritos teñen monumentos funerarios de gran beleza arquitectónica. Reparemos nalgúns entre outros: Eduardo Pondal, Manuel Lugrís Freire, que foi presidente da Real Academia Galega, o escritor Pérez Lugín e o músico Xosé Castro González que musicou dous poemas de Curros Enríquez: ‘Os teus ollos’ e ‘Adiós a Mariquiña’.

Rosalía de Castro, soterrada cunha inscrición en castelán no cemiterio de Adina, para seren traslados os seus resto posteriormente ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, a carón de Alfredo Brañas, Francisco Asorey e Castelao. Ali está o seu monumento funerario co seguinte texto inscrito na pedra: «D.O.M. Pra eterna memoria. Galicia fixo facer por suscripción nacional este monumento, onde descansa na paz do Señor a que foi groria da súa patria Señora Dona Rosalía de Castro de Murguía. Finou en Iria o 15 de julio do ano 1885».

A AFNLG está a preparar en colaboración con moitos concellos o Día da Restauración da Memoria Lingüística para galeguizar o ámbito funerario; honrando a memoria de todos os nosos devanceiros, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu. Para tal celebración elixíu este ano a figura de Manuel Murguía, fundador do pensamento nacionalista galego coa pretensión de que a Xunta de Galicia, Deputación e Concello da Coruña, titular da tumba, constrúan sobre ela un mausoleo para maior realce da celebración do centenario do seu pasamento acontecido o 2 de febreiro de 1923.

O labor realizado por Manuel Murguía na reconstrución da identidade galega é merecente de se gran mausoleo que honre a súa memoria.

Previous articleFaro de Vigo – Un monumento funerario para Manuel Murguía
Next articleGalicia Confidencial – Piden un mausoleo para Manuel Murguía soterrado nunha “campa descuidada” na Coruña