Debemos ser o único pais no que a parroquia dos mortos non fala o idioma da parroquia dos vivos. Como se pode explicar senón que os que sempre falaron galego en vida aparezan soterrados en castelán? Esta afirmación non é gratuita, facémola despois de visitar centos de cemiterios parroquiais da Galicia rural onde practicamente o cento por cento dos seus habitantes son galegofalantes. O censo é elocuente: só unha de cada mil lápidas está escrita na nosa lingua. A excepción é o cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, no Concello da Paradela en Lugo, que por ser un cemiterio de nova creación onde hai moi poucos soterramentos a totalidade das lápidas están en galego.
Tal anormalidade explícase pola falta de autoestima dos galegos ou dos familiares dos defuntos. O desleixo afecta por igual aos veciños dunha ou doutra ideoloxía política; non hai máis que cruzar os datos electorais co número existente de lápidas en galego. Este comportamento tan dispar é un acto de perversión cultural que non foron capaces de corrixir as convocatorias multitudinarias dos actos rituais promovidos para a defensa da identidade galega durante décadas, porque simplifican a raíz do problema lingüístico e cultural.
A galeguización dos actos fúnebres é unha decisión persoal, se asi o decide a persoa con anterioridade, ou da familia se é posteriormente; non debería existir ningunha outra interferencia que impida o exercicio do uso da lingua galega nestes espazos de recordo por moito que as veces se queira facer ver. Se hai decisión persoal ou familiar nestas cuestións os problemas non existen. Porque tanto a publicación das esquelas, como os recordatorios, ou calquera outra cuestión relativa ao pasamento do ser querido non debería deixarse en mans de empresas que non teñen sensibilidade dabondo para ofrecer estes servizos na lingua de uso do defunto.
Por este motivo, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) vén convocando desde hai décadas actos simbólicos denominados “En galego, agora e sempre” promovendo a súa celebración nas vésperas do Día de Defuntos, coa participación dos concellos, comunidades de montes en mancomún ou asociacións, xustificándoa por seren entidades representativas da comunidade parroquial. O programa inclúe a colocación dunha placa na porta do cemiterio con este texto “Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter lingua e cultura de seu”. A seguir convídase aos presentes a asinaren a Acta de Vontades na que expresan que chegado o día do seu pasamento encoméndanlles aos familiares que os actos que se celebren na súa memoria sexan en lingua galega ou do contrario o fagan en silencio.
Adiantándose no tempo, o Concello de Salceda de Caselas celebrará o próximo día 29 de maio, sábado, un acto destas características no cemiterio da freguesía de San Xurxo, similar a outro celebrado xa con anterioridade no de Santa María.
Así mesmo, cómpre sinalar o singular anuncio que vén de facer o alcalde de Lalín indicando que o concello destinará 5.000 e a subvencionar parte do custo das lápidas que se poñan ou substitúan en galego coa finalidade de motivar o uso da nosa lingua nestes espazos da memoria.
A cultura popular é sabia. O dito “fago da miña capa un saio” reivindicando a autonomía da liberdade persoal pode ter malas consecuencias cando non media a reflexión meditada. Para que isto aconteza é preciso que as institucións públicas e organizacións políticas e sociais promovan unha pedagoxía social que oriente á cidadanía no uso correcto da lingua galega no ámbito da autonomía das decisións persoais. A reconstrución da identidade galega, a galeguización do país, hai que facela coa participación de todos, integrando nese proceso as diversas facetas da vida cotiá.
Benvidas as iniciativas dos concellos de Salceda de Caselas e Lalín.