La Región – Irmandade Xurídica Galega

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

A existencia dun dereito consuetudinario propio é unha evidencia constatada  na innumerable biografía xurídica publicada desde hai ben tempo. Non vén ao caso relacionar a amplísima nómina de xuristas que se preocuparon pola súa existencia e necesidade de regulalo.
O notario, e tamén amigo, Victorino Gutiérrez-Aller califícouno como “a cerna da vertebración deste país”, identificándoo sempre coa lingua galega,o idioma común dos seus usuarios. Moitísimas décadas antes,  Lois Peña Novo, outro xurista de recoñecido prestixio, subliñaba esa restreita relación: “É moi importante o idioma no que o Dereito se manifesta, porque o idioma é o resultado da cultura de cada pobo, que foi acumulando os elementos de expresión necesarios para manifestar o seu espírito”.
Fermín Bouza Brey publicou en 1931 un artigo no que expresaba con rotundidade  esa relación, “porque a xente que acode aos xulgados son maioritariamente  galefofalantes”. Esta teima reivindicativa expresouna o Centro Galego de Montevideo  nun escrito dirixido ao Presidente do Consello de Ministros en 1930: “Igual sucede cos xuíces e demais dependencias da xustiza que, as máis das veces, teñen que valerse de intérpretes, toda vez que non é xusto nin humano xulgar descoñecendo o idioma que emprega o acusado para a súa defensa”.
Cando en 1972 se celebrou o I Congreso do Dereito Galego, as referencias á identidade galega reiteráronse nas súas sesións. Chovía sobre chan mollado. Nas conclusíóns recóllese unha suxestión que é precursora da galeguización xurídica: “Os escritos xudiciais, alomenos os interrogatorios e preguntas, repreguntas e confesións, así como os interrogatorios “in voce” poderán facerse en galego e castelán. O confesante ou a testemuña manifestarán ao xuíz ou Tribunal en cal dos dous idiomas desexan ser interrogados, e as respostas recolleranse na que se manifeste”.

A Irmandade Xurídica Galega, herdeira dese discurso galeguizador do Dereito e da Xudicatura, celebrará o próximo día 11 a súa XIII Asemblea Xeral no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, na que fará memoria daquel feito histórico, e no que ingresarán vinte novos irmandiños/as que veñen engrosar a numerosa nómina de adheridos, que son os dinamizadores da galeguización xurídica vencendo moitos atrancos e indiferenzas.

Nese ámbito das mornezas aniñan a Escola Galega de Administración Pública e Academia Galega de Seguridade Pública, dous organismos dependentes da Xunta de Galicia, nas que se observan elevados incumprimentos no mandato legal de promover o uso do galego.

Incursos neste incumprimento normalizador está tamén a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta. A inmensa maioría dos seus letrados utilizan exclusivamente o castelán nos procedementos procesuais perante os órganos xurisdicionais. A observación que facemos ten unha relevancia transcendental na marxinación do galego nos usos xurídicos. E o peor é que pasan os gobernos e non mudan os hábitos lingüísticos.

Tamén notamos as incoherencias dun sector considerable da sociedade galega moi dado a celebracións puntuais de exaltacións galeguistas. Abonda coñecer o ínfimo número de escrituras públicas redatadas en lingua galega que se tramitan nas notarias para evidencialo.

Previous articleFaro de Vigo – XIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
Next articleFaro de Vigo – Os premios Peña Novo recoñecen a Rodrigo Romaní, Nova Escola Galega e Luisa Castro