pontevedraviva.com – Pontevedra conmemora os 30 anos da primeira sentenza xurídica en galego da Audiencia Provincial

IXUGA

Diego Espiño

Unha placa instalada nun xardín municipal xunto á Audiencia Provincial conmemora desde este sábado a primeira sentenza xudicial ditada integramente en galego na institución, cando se cumpren 30 anos da efeméride.

O descubrimento desta placa era un dos actos previstos pola Irmandade Xurídica Galega con motivo da súa XII asemblea, celebrada a continuación no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra.

A homenaxe, que se quixo estender a todos os maxistrados e profesionais da xustiza que empregan a diario o idioma galego, centrábase en tres xuíces e un fiscal: Luciano Varela , Xoán Manuel Alfaya, Xosé Xoán Barreiro e Benito Montero.

“Racharon un falso mito”, sinalou Avelino Ochoa en representación da Irmandade, porque “demostraron que o difícil labor de impartir xustiza é posible facelo da maneira máis achegada, falándolle á xente no idioma de seu”.

Con todo, 30 anos despois os profesionais que usan o galego en sede xudicial “son desgraciadamente minoría”, explicou, poñendo como exemplo a memoria anual do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do ano 2017, na que “unha soa liña viña en galego, o título, e o resto 193 páxinas en castelán”.

Un dos implicados naquela sentenza, Benito Montero, sinalou que se tratou de “un acto de amor polo galego, unha ilusión por chegar a normalizar en certa parte á xustiza”.

Todo un recoñecemento “xusto, o que se merecen”, afirmou pola súa banda a presidenta provincial, Carmela Silva en alusión a unhas persoas que “forman parte xa do mellor da nosa memoria”.

O acto pechouno o concelleiro de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, Alberto Oubiña, estando tamén presente entre outros o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

Previous articleXunta de Galicia – Valentín García participa en Pontevedra na XII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
Next articleFaro de Vigo – Os xuristas festexan 30 anos de sentenzas en galego