A galeguización dos usos xurídicos ten varios fitos históricos no percurso da súa reivindicación. Un deles, sen dúbida, foi o acordado no 1º Congreso do Dereito Galego celebrado no outono de 1972, canda as folgas obreiras de Vigo. Ambos os dous acontecementos foron importante na restauración da lingua galega. No caso das mobilizacións obreiras, porque as publicacións clandestinas, foron espalladas profusamentemente en lingua galega. No que fai ao congreso dos xuristas celebrado na Coruña, porque nel demandouse por primeira vez que o noso idioma puidese ser utilizados nos procedementos procesuais, oralmente, e mesmo nalgúns casos, nos escritos. A coincidencia no tempo daqueles dous acontecementos históricos decisivos para o futuro da normalización da lingua, o noso maior signo de identidade.
A resolución quinta do Congreso recollía esta recomendación: “ Os escritos de posición, interrogatorio, preguntas e repreguntas, asi os que procede formular “in voce”, redataranse ou formularanse no idioma galego e no oficial”; enfatizando – o matiz é importante- “que os confesantes ou testemuña manifestarán ao Xuíz ou Tribunal en cal dos dous idiomas queiran ser interrogados e as súas respostas serán recollidas no que se houber manifestado”. Unha demanda precursora do precepto legal que anos máis tarde establecería a Lei de Normalización Lingüística ao recoñecer a validez xurídica dos escritos escritos no noso idioma, ao tempo que ampara o dereito “da parte ou interesado a que se lle notifique a resolución na lingua oficial que elixa” ( art. 7.2. da Lei de Normalización Lingüística).
Houbo outros feitos transcendentais no proceso de galeguización dos usos xurídicos e xudiciais. Velaí está a tan celebrada sentenza ditada pola Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña a instancias do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, dous anos depois, en abril de 1985, que tanta transcendencia tivera naquela década. Aquela decisión do tribunal rachara coa mala fada que durante catro séculos de proscrición do noso idioma nos documentos xudiciais, animando a varios maxistrados a imitala nas súas xurisdicións. Tal foi o caso da ditada en 1988 polo Xulgado de 1º Instancia núm.2 de Ourense, do que era titular o maxistrado-xuíz don Juan Manuel Alfaya Ocampo, a instancias do letrado Miguel A. González Trigás. Ambos os dous, maxistrado-xuíz e avogado, decidiron aproveitar o preito de demanda dunha separación conxugal para sumárense á restauración lingüística. Unha arela reiteradamente formulada pola Irmandade Xurídica para que os órganos xurisdicionais asuman o exercicio da cooficialidade lingüistica amparada polo ordenamento constitucional e Estatuto de Autonomía de Galicia.
É xusto lembrar a importancia que tiveron nesta andaina regaleguizadora os maxistrados Daniel García Ramos, Orencio Pérez González, Claudio Movilla Álvarez, Ricardo Leiros Freire, xa falecidos, e o notario Victorino Gutiérrez Aller, que hoxe continúan en Ourense as maxistradas Águeda Rodríguez Domínguez, Isabel Suárez García e a fiscala Rosa Tallón, forxadoras dunha escola galeguista na xudicatura da que xa fan parte tamén un numeroso grupo de profesionais da avogacía que acotío desenvolven as súas actividas en lingua galega na provincia.
Para conmemorar a primeira sentenza ditada no noso idioma en 1988 polo Xulgado de 1ª Instancia núm.2 de Ourense, A Irmandade Xurídica Galega convoca acto público, aberto a todas as persoas que queiran asistir, na sede da Audiencia Provincial o próximo día 7 ás 18:00 horas.
Home Irmandade Xurídica Galega