El Correo Gallego – Camilo Nogueira e Carlos Varela, ‘Irmandiños de Honra’ polo seu labor en defensa do galego

O político nacionalista Camilo Nogueira e o xurista Carlos Varela, fiscal da Fiscalía Superior de Galicia, foron nomeados onte Irmandiños de Honra pola Irmandade Xurídica Galega, no transcurso da XIV asemblea da entidade, que se celebrou no Salón Nobre do Pazo de Fonseca. Nogueira, exdeputado no Parlamento galego e na Eurocámara, recolleu a súa insignia de ouro polo seu labor como impulsor da Lei de Normalización Lingüistica, aprobada por unanimidade pola Cámara galega hai 40 anos, en tanto que Varela foi distinguido pola súa contribución á expansión do uso do galego no ámbito da Xustiza.

No acto tamén se lles fixo entrega das súas acreditacións aos novos ‘irmandiños’ da entidade: xuíces, fiscais, avogados e procuradores que se comprometeron a “utilizar e defender o uso da lingua galega” nas súas actividades profesionais.
A celebración da XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega estivo presidida polo máximo responsable do Parlamento galego, Miguel Santalices, acompañado na mesa presidencial polo reitor da USC, Antonio López, que clausurou o acto por petición expresa de Santalices. Xunto a eles, o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo, encargado de darlles a benvida aos asistentes e de repasar os méritos de Camilo Nogueira para ser merecente da distinción; o maxistrado Luís Villares, que expuso os fitos máis detacados na traxectoria do fiscal Carlos Varela, e a profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira, que interveu para lembrar o contexto en que se aprobou a Lei de Normalización Lingüistica, o 15 de xuño de 1983. Acompañando os premiados atopábase también o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Tras recoller a súa insignia de honra, Camilo Nogueira destacou a importancia que tivo no seu momento a aprobación da Lei de Normalización por unanimidade de Cámara. “Queríamos que a protección da lingua galega fose unha tarefa prioritaria”, lembrou, “despois de ter soportado a persecución durante séculos das autoridades políticas, económicas e eclesiásticas”. E destacou que, malia as dificultades, hoxe o galego “é falado en países de todo o mundo”, entre os que citou Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea Bissau e mesmo en zonas da India, Timor Oriental e China. “Que cante o merlo”, dixo, recollendo o antigo brinde campesiño que adoptou o galeguismo.

Na súa intervención para presentar os méritos de Carlos Varela, o maxistrado Luís Villares destacou o papel do fiscal “na defensa dos intereses dos máis vulnerables”, como aconteceu co caso das preferentes. Varela, que, segundo lembrou, comezou a familiarizarse co galego a través da música de Voces Ceibes, Miro Casabella ou do portugués Zeca Afonso, asegurou que o seu único mérito foi “escoitar a outros que ían por diante e seguir o camiño que trazaron”. “O agradecido son eu, porque puiden exercer a profesión en galego e ser coherente coa miña forma de pensar”, sinalou, antes de rematar a súa intervención cun “obrigado”, como tantas veces fixo Camilo Nogueira durante a súa traxectoria política.
Previamente aos novos ‘Irmandiños de Honra” interveu a profesora Alba Nogueira, que puxo en valor o consenso ao que se chegou hai 40 anos para aprobar a Lei de Normalización Lingüística e lembrou algunhas das consideracións recollidas daquela no diario de sesións do Parlamento e expresadas tanto polo seu pai, Camilo Nogueira, como polo entón deputado de Alianza Popular Xosé Luís Barreiro Rivas. Daquela, Nogueira dixera “é unha lei que deixa moitos camiños abertos e nós defendemos o camiño de que leve auténticamente á normalización da nosa lingua nacional”. Destacaba tamén o que significaba o feito de introducir na lei o deber de coñecer a lingua propia, que equiparaba castelán e galego. Pola súa banda, Barreiro Rivas sinalara que ”non hai unha situación automaticamente cambiada, senón un longo camiño por percorrer”. “As leis non fan maxia”, sinalou Alba Nogueira, quen lamentou que hoxe en día “por primeira vez, o galego teña menos falantes que o castelán”.
Na súa intervención, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sostivo que contamos cunha lei “moi válida, actualizada e aberta” na que temos que “seguir avanzando” para conseguir “as mil primaveras máis coas que soñaba Cunqueiro”.

Pola súa banda, o presidente do Parlamento galego, que dixo falar dende “un sentimento de emoción”, lembrou tamén a súa vinculación co galego dende a infancia e a mocidade, como fillo dunha familia galeguista. Santalices gabou tamén o papel que tiveron aqueles lexisladores que aprobaron a Lei de Normalización Lingüística porque “estiveron á altura do que demandaba Galicia naquel momento” e eloxiou o consenso que foron quen de acadar.

Tras el interveu o rector da USC. Antonio López tivo palabras de recoñecemento para os novos ‘Irmandiños de Honra’ da Irmandade Xurídica Galega por “ter sido referentes e pioneiros rompendo paredes e derrubando muros para avanzar no uso da lingua galega”. E recoñeceu que se bota en falta “a unanimidade” en cuestións que teñen que ver coa defensa da lingua. Subliñou tamén que a “lei abriu un camiño”, pero lembrou que despois “hai que transitar por el”. “Tan importante como as normas, é o compromiso persoal para ir avanzando e ir gañando espazo” para o galego, afirmou.

Previous articleFaro de Vigo-Camilo Nogueira y Carlos Varela, galardonados por los juristas por el uso del gallego
Next articleEixo Atlántico – Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas