Un engalanado pobo de Santiago de Rubiás (Calvos de Randín) recibía no mediodía do 4 de xullo á comitiva da Asociación de Amigos do Couto Mixto, da que tamén formaba parte a música dos Gaiteiros da Raia. Tras chegar ao adro da igrexa facíase unha ofrenda floral á estatua adicada a Delfín Modesto Brandón, derradeiro xuíz do Couto Mixto.
A continuación, xa no interior do templo, comezaba o acto solemne de investimento de novos xuíces honorarios co que a Asociación de Amigos do Couto Mixto distingue a persoas ou institucións que destacan polo seu labor en favor deste encrave da fronteira galego-portuguesa. Ademais preténdese recuperar a memoria deste singular territorio que funcionou cunha organización xurídica e popular propia entre os séculos XII e XIX.
A cerimonia comezaba co traslado, por parte dos “Homes de Acordo” da “Arca das Tres Chaves” dende a sacristía, onde se garda durante o ano, ata o altar da igrexa. Alí, esta arca, que simboliza a memoria do Couto Mixto, abríase. E así permanecía ao longo deste acto que no que tomaba a palabra o presidente da asociación, Luis García Mañá, para referise á historia e tradición deste territorio transfronteirizo, pero tamén ao seu futuro “cheo de toxos”, que vencellou ao da Galicia interior. Ante isto pediu medidas das administracións, “pero non só da local, nin doutras próximas, senón das que dispoñen de recursos. Mentres empurremos para que isto non desapareza”.
Ademais García Mañá lía o nome das persoas a entidades que minutos despois ían ser investidas como novos xuíces honorarios do Couto Mixto: Xosé Lamela Bautista, ex alcalde do Concello de Lobios (entre o 2007 e o 2011) e investigador; Concepción Sanz Ferreiro, mestra xubilada natural de Lobeira e autora do libro “Meaus, mi aldea”; e o Concello de Tomiño (Pontevedra) e a Câmara Municipal de Vilanova de Cerveira (Portugal), polo labor de desenvolvemento de proxectos de relacións transfronteirizas. Asemade nesta edición recuperábase a designación da figura do vigairo que lle correspondía aos Gaiteiros da Raia. “Todos eles son boa mostra do que quere simbolizar o Couto Mixto”, concluía García Mañá.
Tras a lectura da acta, na voz de Xosé González, secretario da asociación; Xosé Manuel Cid, que hai 15 anos recollía tamén o caxato de xuíz, daba conta dos méritos das persoas e entidades distinguidas. A partir de aí, procedíase ao investimento dos novos xuíces e ás súas intervencións. Concepción Sanz, que non puido estar presente por motivos de sáude, remitía unha carta que lía o párroco de Santiago de Rubiás, Néstor Álvarez, tras recoller, no seu nome, o bastón de bando, a réplica das tres chaves da arca e o diploma que se lles entrega aos novos xuíces. Tamén eran nomeados os novos vigairos, en representación dos cales, daba as grazas Gemma Rodríguez.
A clausura do acto, que se foi intercalando coas actuacións da intérprete cubana Lis Teuntor (acompañada ao piano por Víctor Escuredo), corría a cargo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. E xa como broche, tras o peche da arca e o seu traslado á sacristía, no adro da igrexa actuaban os Gaiteiros da Raia. Logo compartíase un xantar popular.