OS SOCIALISTAS RECLAMAN NA CÁMARA PROPOSTAS E INCIATIVAS PARA DESENVOLVER O ENCLAVE DO COUTO MIXTO

Seara considera que apoiar este enclave representa “unha excelente oportunidade para axudar a desenvolver esta zona raiana” e “para estudar e recuperar unha parte da cultura esquecida
As deputadas  Laura Seara Sobrado, María Quintas e Concepción Burgo, presentaron no Parlamento unha proposición non de Lei na que se insta á Xunta a seguir apostando polo recoñecemento da singularidade do Couto Mixto como enclave histórico, e a poñer en marcha accións e desenvolvemento social, económico e cultural desta zona.
Seara lembra que o Couto Mixto, situado no corazón da Limia,  é un lugar repleto de singularidades históricas e culturais que simbolizan os grandes lazos co país veciño; “un enclave de tres aldeas, Rubiás, Meaus e Santiago, que durante anos mantiveron a súa propia organización á marxe da coroa española e portuguesa, funcionando como unha república independente, concretamente, ata o asinamento do Tratado de Lisboa, en 1868”, engade.
A deputada ourensá recorda que “desde que desapareceu legalmente o Couto Mixto a súa singularidade foise debilitando e con ela, desapareceu paulatinamente o papel impulsor do desenvolvemento desta parte da Limia, que hoxe presenta índices de natalidade moi baixos e índices de emigración moi altos”.
A potencialidade da historia desta zona necesita o pulo das administracións, polo que o PSdeG considera que apoiar este enclave representa “unha excelente oportunidade para axudar a desenvolver esta zona raiana” e “para estudar e recuperar unha parte da cultura esquecida”.
A igrexa de Santiago, que no seu día custodiaba a Arca cos documentos das decisións legais do Couto e hoxe é o seu símbolo, acolle actualmente a entrega de premios “Xuíces Honorarios”, que recoñecen o traballo de persoeiros que dunha forma ou outra rescataron do esquecemento a memoria do Couto Mixto. Recentemente, trala celebración do último acto e nomeamento de xuíces honorarios o Bispado de Ourense enviou unha carta na se “amosaba a súa preocupación polo uso da Igrexa para a celebración de actos culturais alleos á mesma “, ademais de “recomendar que nos vindeiros anos sería mellor a utilización doutros locais para a celebración deste evento”.
Por todo isto, e dada a importancia da igrexa de Santiago, ínstase ademais a execución da partida orzamentaria para a súa rehabilitación e a dos seus frescos, e a mediar, se fose necesario, coa Diócese de Ourense para seguir celebrando actos nela.
Previous articleLa Region – O gran e a palla
Next articleLa Región – O PSdeG reclama da Xunta compromiso co Couto Mixto