A singularidade histórica do Couto Mixto, enclave da Limia que no seu día funcionou como unha república independente, é obxecto de reivindicación por parte da deputada socialista Laura Seara, que presentou unha iniciativa no Parlamento para reclamar da Xunta un maior compromiso co Couto, tanto para preservar a súa historia como para desenvolver a zona.
A deputada do PSdeG, Laura Seara, vén de presentar no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que insta ao Goberno autonómico a comprometerse no recoñecemento da singularidade do Couto Mixto como enclave histórico, e a poñer en marcha accións de desenvolvemento social, económico e cul tural da zona. O Couto Mixto, lembrou Laura Seara, é un enclave de tres aldeas, Rubiás, Meaus e Santiago, no corazón da Limia, que durante anos ‘dispuxo de organización propia á marxe das coroas española e portuguesa, ata a sinatura do Tratado de Lisboa, en 1868’. Desaparecido legalmente, o Couto Mixto viu a súa singularidade ‘mermada’ paulatinamente, polo que a súa historia ‘necesita do pulo das administracións públicas’, indica a deputada socialista.
Asemade, lamenta que despois da última entrega dos premios ‘Xuíces Honorarios’ na igrexa de Santiago, o Bispado de Ourense amosara ‘a súa preocupación polo uso do templo para a celebración de actos culturais alleos ao mesmo’. Polo que Seara reclama a mediación do Goberno fronte ao Obispado, así como a rehabilitación da igrexa.