Os agostos da represión franquista

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Despois da sublevación militar de xullo de 1936, agosto, o mes máis festeiro do ano, unha orxía de sangue tinguíu a xeografía galega.Un mes que quedou gravado a lume na historia de Galicia. Non quedou concello, grande ou pequeño, vila ou aldea na que a represión fascistas non deixara tirados nas gavias dos camiños centos de cadáveres de asasinados. Eran os paseados, as vítimas da Falanxe que sacaba dos cárceres aos detidos para matalos a mantenta nos muros dos cemiterios ou en calquera lugar afastado.

Crearon campos de concentración para amorearen neles a detidos indiscriminadamente. Converteron os mosteiros en penais onde se amoreaban os sospeitosos de seren inimigos do novo réxime. Nese barco de terra ancorado chamado Illa de San Simón, foron amoreados milleiros de prisioneiros. Tantos que como xa non collían nela trouxeron un barco, “Upo Mendi”, para convertelo en prisión flotante.

Luis Pimentel describíu o drama no poema “Cunetas”: ¡Outra vez, outra vez o terror!/Un día e outro día,/sen campás, sen protesta./Galicia ametrallada nas cunetas/dos seus camiños; hai un home morto na cuneta,/que ninguén coñece aínda,/ unha muller sobre o cadáver do seu home/ chora” .E os que se zafaron foi porque fuxiron cara o monte onde atoparon acubillo.

Mentres, os despiadados facían as “razzias” onde fixesen falta. En Vigo deteñen a maior parte da corporación municipal, que despois dun xuízo sumarísimo, como tantos outros, son condenados a morte e fusilados por un pelotón nos muros do cemiterio de Pereiró o 27 de agosto de 1936 ás cinco e media da mañá. Enrique Heráclito Botana, impresor, xa fronte ao piquete tivo afouteza aínda para pedir berrando que “se garden as actas do noso proceso. Algún día será revisado e o mundo enteiro coñecerá o críme que se cometeu connosco”. Formaba parte do grupo Emilio Martínez Garrido, alcalde socialista que era dono dunha pequena empresa de decesos, “El Óbito”, á que estivo subscrita a miña familia ata que nos anos sesenta foi absorbida por outra chamada “La Fe”, que co paso de moitos anos, quen moi ía dicir a min!, contribuín a galeguizar. Lembro ao cobrador, señor Felipe, un home de oronda figura, que os domingo viña polas casas a cobrar a avinza.

As poutas de Atila non deixaron nada en pé. Todos os días eran axustizados xentes anónimas, pero loitadoras, que aparecían tirados nas beiras dos camiños que os seus familiares acudían a retiralos pola información que lles levaban os veciños e as leiteiras, moi madrugadoras. Outros tiveron peor sorte: foron soterrados en foxas comúns que aínda hoxe se están a descubrir. A represión cebouse nas mulleres e fillos dos fuxidos ou axustizados. O máis delirante desta historia é que moitos dos autores de tales matanzas non foron xulgados polos seus delitos na mal chamada transición democrática. Todos coñecimos a moitos deles que se paseaban fachendosamente polas rúas e prazas de Galicia.

O mes de agosto tamén foi tráxico moitos anos despois, en 1975. En Ferrol matan o día 12 a Pepe Reboiras e desencadéase unha acción policial para deter a moita xente. Eu fun un deles. Despois de seis días na comisaria, sometido a intensos interrogatorios con toda clases de torturas, que superei con firmeza. Sabía que se cedía delataría a moitísima xente dado o papel relevante que tiña no organigrama da UPG. A brigada político-social encargada dos interrogatorios, malia levarme pola noite a un descampado e animarme,xa sen as esposas, a que fuxise para pegarme un tiro e xustificalo coa lei fugas,dicíanme eles, atopáronse coa miña enteireza facéndolles fronte; prefería a morte a dicir o que eles querían saber. Lembro como me meteron durante un día nun caseto pequeno de aproximadamente 1,30 x 90, sen ventilación “para que amolecese”. O sinistro xuíz Julián Sansegundo (os apelidos Sansegundo eran derivados dos Sen Segundo, fillos de solteira), cifrou en 50.000 pesetas, a miña liberdade condicional, unha cantidade estimable naquel tempo. Cando puña o pé fóra do cárcere, na mesma porta vólvenme deter. Seguíron os interrogatorios e as torturas. Pero non conseguiron nada.Cando pensaban que desta volta o xuíz ía decretar outra vez prisión, resulta que aquel xuíz, apelido Moreiras, dílle ao meu avogado, Nemesio Barxa, que escape,se quero, que el para cubrirse decretaría unha orde de busca e captura, como así foi. Aquela orde estivo en vigor deica 1984! E por ella sufrín incordios diversos.

É lamentable que a Lei da Memoria Histórica non contemple condenas para aqueles membros da policía político-social, encargados da represión. Funcionarios sen escrúpulos, que vivían por e para combateren aos militantes antifranquistas. Por este labor foron premiados con recompensas e medallas que levaban parellas prebendas vitalicias. Para iso mobilizaban a fillos e fillas instándoos a se infiltrar en círculos da oposición política, mesmo utilizando “as súas armas de mulleres”, coa finalidade de recabaren información, como foi un caso protagonizada pola filla dun comisario que me tocou de preto.

Na miña memoria aboian sempre os nomes daquela sinistra gandalla: Carril; Nieto, “o chepa”; Waldo López Mazaira,“a pita de Pesqueiras”; Pastor; Manuel Rivera, torturador cualificado da escola de “Billy el Niño”, do concello de Castrelo do Val, que nos anos 90 foi expulsado da policia por asuntos delituosos; Mosquera; Pardavila, “a cotovía”; “o xitano” (lamento descoñecer o nome e apelidos); Pastor; París; Barriga; Jaime García; Lamas, “o seminarista”, de infausta memoria nos medios universitarios; Barriga…e tantos outros que aínda comen e beben.

Mágoa que os concellos galegos, nos que aínda quedan vestixios de conmemoracións franquistas, non erixan monumentos para recoñeceren a todos os que sufriron persecucións e torturas que servan de lembranza para as normas xeracións que tan desmemoriadas andan. Este agosto é unha boa ocasión para que o alcalde de Vigo cando homenaxeen á corporación fusilada anuncie ese monumento a eles e á memoria.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here