Reme Martínez, desde as terras de Trives envíame un video que ela mesma lle gravou ao seu pai, Pepe Guindeiro, no que aparece aventando a semente dos nabos na súa leira. Chamoume a atención observar a mestria con que fai a sementeira en terra labrada con sucos ben dereitiños. Como ben di a filla: se o fago eu, no primeiro remeneo do brazo espeto medio paquete de nabos. El adoita facelo dun xeito especial para que a semente se esparexa ben, chegando a todos os recantos da leira. Por esas artes é polo que é reclamado polo seus veciños para que lles faga o mesmo labor. Tal é a fundanza que teñen na súa habelencia. Unha boa sementeira é a mellor garantía para tirarlle proveito no tempo da seitura.
No video observo que Pepe Guindeiro non deixou ningún anaco da leira sen labrar. Débeo facer tamén a cadabullo, isto é traballando as estremas que quedan sen labrar transversalmente polas dificultades do espazo. Ata neste labor é ben curioso cando fai o traballo.
A metáfora de Pepe Guindeiro evócame o ensaio de Juan Rof Carballo, a nosa eminencia internacional en medicina sicosomática, que escribíu “Mito e realidade da Terra Nai”, un libro apenas lido polos galeguistas e nacionalistas de hoxendía.
Cómpre facer pé na realidade para outear o futuro sen deixarse levar polos espellismos dos axiomas e rotinas de moitos militantes do galeguismo/nacionalismo, que viven fóra da realidade. Gardo na memoria un suceso, disto hai máis ou menos vinte anos, cando os estudos de filoloxía galega deixaron de ter un papel exhorbitado na política lingüística, e as facultades universitarias principiaban a notar o descenso de alumnos matriculados, unha entrevista publicada nun medio de comunicación na que o decano dunha desas tres facultades de filoloxía, respondíalle ao xornalista apuntando que a solución dese problema estaba na implicación dos concellos galegos. “Se os 315 concellos galegos contratasen un filólogo para o servizo de normalización lingüística, o problema estaría resolto”, dixo. Confeso que cando lin a entrevista quedei preocupado porque a solución que ofrecía aquela autoridade académica evidenciaba un enorme descoñecemento xurídico-administrativo de Galicia. Como van crear prazas de funcionario para filólogos, poñamos por casos, Mondariz-Balneario con seiscentos habitantes, ou Negueira de Muñiz que ten aínda menos, douscentos vintetrés?. Ou moitísimos máis concellos con escasos recursos económicos e habitantes?, preguntábame eu. Ben sei que o ese decano,amigo meu é galeguista de corazón. Mais o caso é que hai moita xente que desempeña cargos institucionais que falan co corazón pero non coa razón, porque descoñecen a realidade.
Nunha carta que me escribía Xosé Neira Vilas en 1996 poñía en dúbida a eficacia de certas actividades, e nomeadamente a literaria, para evitar a minorización da lingua galega. “Non debemos enganarnos. Presenza literaria sempre a houbo – moitísima menos, claro está, no franquismo, pero algo sempre se publicou- pero iso non incide tanto como o uso da lingua no ámbito económico. O exercicio literario sempre foi unha actitude de avangarda, unha bandeira moi válida, si, pero de escasa incidencia na sociedade común, ou no común das sociedades”. E isto dicíao o autor de “Memorias dun neno labrego” con moitos milleiros de exemplares editados. A situación mudou co paso do tempo para mal, de tal maneira que hoxe as edicións non pasan dos cincocentos exemplares. A incidencia da literatura, xa que logo, é anecdótica, e a incidencia fóra dun ámbito reducidísimo de lectores é mínima.
Temos que conquistar outros espazos decisivos nas vidas das persoas para que a lingua galega atope neles un maior e eficaz fomento do noso idioma baseado no prestixio social.
Anualmente morren en Galicia 30.000 persoas. É preocupante constatar a cotío como o 99% do falecidos pasan á historia con esquelas en castelán e perpetuando a súa memoria nos cemiterios con lápidas escritas nun idioma que nunca falaron. A reponsabilidade de que isto sega a suceder correspóndelles, en primeiro lugar, aos seus familiares que se autoproclaman galeguistas ou nacionalistas en actos cando o calendario de celebracións reivindicativas os require. A que vén logo esa impostura de proclamárense o que non practican?. E, en xeral, a todos os galegos que deforman a memoria cultural dos seus. Uns e máis outros son, por activa ou por pasiva, os responsables da desmemoria.
Descorazona tamén coñecer o dato estatístico que nos ofrece o Colexio Oficial de Notarios de Galicia relativo ao uso da lingua galega nas declaracións de herdeiros. Como é posible que un país de pequenos propietarios, nos que as terras teñen cadanseu topónimo no idioma do pais, os testadores non fagan os seus testamento en galego? Con estes datos na man hai que falar de algo que nos debe doer como galegos: a renuncia deliberada ao noso idioma para transmitir o legado patrimonial aos herdeiros.
Apelamos ao sentimento de galeguidade que aínda aniña en moitas conciencias para que agrome de vez en todas as manifestacións sociais.
A metáfora de Pepe Guindeiro semeando con intelixencia, paciencia e precisión a súa leira debe ser o exemplo do compromiso colectivo coas raíces da Terra e as súas tradicións.