Cando en 1978 chegou a Galicia a musicóloga suiza Dorothé Schubarth coa pretensión de percorrer os lugares máis recónditos do país e procurar informantes para facer un inventario da música tradicional galega, no país estábanse a producir grandes cambio sociolóxicos. As xentes mozas do rural trasladábanse ás cidades na procura de mellores oportunidades de vida.
Nas aldeas quedaban os homes e mulleres nunha franxa de idade que superaba os sesenta anos. Eran persoas que conservaban no seu maxín un tesouro que recibiran pola transmisión oral: as cantigas populares. Dorothé Schubarth chegou aínda a tempo para entrevistalas. A maioría foron mulleres, que gravaron no magntófono da musicóloga un acervo musical importantísimo publicado pola Fundación Barrié en dez grosos volúmes.
Ata ese ano, deica pouco despois, a celebración dos fiadeiro e seráns escenificábanse nas aldeas despois das xornadas de traballo no campo. Nelas facíanse trasmisións de memorias de vellos para novos. Eu mesmo tiven ocasión de particiar en moitas polavilas que se celebraban en San Martín de Suarna no concello de A Fonsagrada. E dou fe de que as xentes iletradas tiñan un dominio lingüístico moi requintado para faceren relatos e cantigaren fermosas pezas do noso folclore.
Co paso dos anos eses encontros de lecer da veciñanza foron desaparecendo, tronzando a transmisión oral. Malia estas circunstancias adversas na que tiveron moita culpa a aparición das canles televisivas, houbo xente que reaxíu, índo ao reencontro das escasas testemuñas que aínda quedaban vivas. Lembro á señora Concha de Luneda do concello de A Caniza, que foi visitada por decenas de mozos e mozas que andaban na procura dun repertorio musical conxelado no tempo. Ou a Florencio, “o cego da Fontaneira”, a quen Pablo Quintana lle gravou un disco pouquiño antes de morrer con composicións da súa colleita que adoitaba cantar en feiras e romaxes. Recentemente puxémoslle a lápida en galego.
Moitas desas xentes que nos legaron un patrimonio de incalculable valor cultural foron morrendo.En vida foron galegofalantes, mais cando pasaron a “durmir fóra da casa” (en acaída expresión hoxe en desuso) no camposanto, as lápidas dos nichos no que xacen os seus restos, están escritas en castelán. O censo aproximado de lápidas en galego é de unha por cada mil; e a porcentaxe das esquelas publicadas no noso idioma nos medios de comunicación é, aproximadamente, do 2% . Se temos en conta que anualmente morren ao pé de 30.000 galegos e galegas, boten as contas e atoparanse coa desacougante realidade de que o idioma oficial dos 373 cemiterios galegos é o castelán, maioritariamente.Trátase dunha anomalía cultural que hai que corrixir.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) vén facendo chamamentos anuais para a celebración de actos de restauración da memoria lingüística; esto é: corrixir o mal feito para perpetuar a lembranza dos falecidos no idioma que falaron en vida, substituíndo as lápidas por outras en galego. O Día de Defuntos, de tanta tradición no país, é unha boa oportunidade para homenaxealos con flores, pero tamén na lingua que mellor os identifica. O traballo realizado nas últimas décadas está a dar os seus froito, porque cada vez hai máis expresións de galeguidade nos camposantos.
O próximo día 28 do mes que andamos celebrarase na igrexa e camposanto da parroquia de Amoedo, no concello de Pazos de Borbén, un acto emotivo de reencontro coa galeguidade. Procederase á substitución da lápida do matrimonio de Marisol Míguez e Raúl Pereira por outra, máis coherente co labor cultural que ambos os dous fixeron organizando e celebrando seráns nas aldeas das terras de Borbén, desde Fornelos de Montes a Mondariz, seguindo o curso do río. No acto participarán familiares, o abade e o alcalde do Concello. Como representante da AFNLG farao a súa secretaria Carme P. Vaquero. Óscar Franco tanguera a zanfona, instrumento tan popular en Galicia.
Mais a nota emotiva será protagonizada polo mozo Mateo Vázquez Ares, un avezado campaneiro que compuxo para a ocasión o “Repenique da Galeguidade” a instancias da AFNLG A pretensión é que ese novo son se popularice nas celebracións que teñan como motivo a exaltación galeguista.