Releo as memoria de António Fontes escritas por Eugénio Pintos. Fala nelas o Padre Fontes das vicisitudes vividas polos moradores dunha doutro lado da raia seca na súa loita pola supervivencia. Xentes que tiñan como medio de vida traficaren con produtos que escaseaban alén e aquen, intermediarios que levaban unha pequena parte do que custaban as mercadorías. Lembro agora as vivencias que tiven nas moitas veces que andei por Tourén, Pitôes das Júnias, Vilar de Perdizes, Cambedo, Soutelinho e Lamadarcos, e tantos outros pobos do Barroso e Tras-Os-Montes.
Ao fío destas lembranzas, vivín unha inesquecible experiencia de ter que axudar a unha camarada a atravesar o río Miño nos meandros próximos a unha pesqueira, na altura de Barcela, en Arbo, para poñela a bo recaudo en terras liberadas polo movemento libertador dos capitáns cinco meses despois do 25 de abril. Baixaban as augas con forza e a miña preocupación era que aquela torrenteira a levase río abaixo.
Cando loitaba aquel día cos pés na auga do río para evitar unha traxedia que afortunadamente non ocorreu, acudiron a miña memoria os versos de Joâo Verde, poeta monçense que pertenceu ao chamado Rexionalismo Portugués do século XIX, cantor da unidade dos pobos raianos. Proíame a rabia de termos que acudir a un paso clandestino para procurar do outro lado a liberdade que aquí o franquismo perseguía. “Vendo-os assin tâo pertinho/A Galiza mail´o Minho/Sâo como dois namorados/Que o rio tras separados/Quasi desde o nascimento./Deixal-os, pois, namorar,/Há que os paes para casar/Lles nâo dâo consentimento.”
Tivo que transcorrer case un século para que os versos publicados en “Ares da Raya” en 1902 deixaran de ser un laio e unha utopia. Hoxe, cando as fronteiras que nos separaban foron suprimidas, no Museo Espaçoo e Memória da Fronteira de Melgaço están rexistradas as historias das miserias dos pobos dun e doutro lado do rio por falta de medios para subsistiren.
O concello de Melgaço é o máis galego de todos os que son raianos.Porque linda con varios concellos das provincias de Pontevedra e Ourense.Por iso compartimos unha mesma antropoloxia como estudou o sociólogo francés Fabienne Wateau no seu ensaio sobre a organización social no Val de Melgaço, “Conflitos e Água de Rega. Un dereito consuetudinario de oríxe xermánica que servíu para regulamentar usos e costumes común que ten as súas oríxes na Gallaecia, antes de que existise o actual Portugal”.
Acordei disto cando mirei a festa conmemorativa do costume da xente do rural que repartían os meses do ano vivindo nas brandas e nas inverneiras. Subían ás brandas (serras) en abril e voltaban en setembro ás inverneiras (aldeas do val). A festa,como non podía ser doutro xeito, foi amenizado polas gaitas que é o instrumento musical que comparten connosco.
O vindeiro día 16 volveremos cruzar o río pola ponte de Arbo, camiño da antiga vila balnearia do Peço, na que estivo acubillado durante algún tempo Pepe Velo, o noso egrexio revolucionario máis universal, que foi capaz de soñar unha acción e realizala, secuestrando o “Santa María”, un buque de pasaxeiros de bandeira portuguesa, para chamar a atención do mundo das ditaduras salazarista e franquista. Algún día –tamén somos de soñar- pedirémoslle á Cámara Municipal a colocación dun monolito que lembre a importancia estratéxica que tivo aquela freguesía para acoller aos fuxidos da sublevación militar española, como xa fixemos en Turei,a freguesía lindante co Couto Mixto, onde o mestre Manuel Barros déulles apoio a Luís Soto e outros compañeiros fuxidos da represión.
A Asociación de Amigos do Couto Mixto en colaboración coa Cámara Municipal celebrará na Praza da República de Melgaço, ás 12:00 horas, a presentación da historia do Couto Mixto cunha representación do grupo teatral Xeitura seguida dunha mesa redonda e a proxección dun documental no Museo Espaço,Memória e Fronteira na que participarán, amais do presidente da Cámara, Manoel Batista, Luís García Mañá, Padre Fontes e Xosé Rodríguez Cruz. Será unha xornada lúdica que coincidirá no tempo coa celebración da Festa do Emigrante e a feira semanal, que encherán as prazas e rúas de miñotos en ledo convívio amenizado polo grupo de música tradicional Airiños de Caldelas.