Abriamos, con aquela iniciativa, unha xeira ?un camiño privilexiado- do que, co transcurso dos anos, sen querer me fun afastando (ou alguén solermiñamente me foi afastando, non sei?) da primeira liña, pero no que quedaron persoas entusiastas como o propio Xosé González ou García Mañá, que, xunto cos propios veciños das tres aldeas do Couto e outras xentes do alén que paseniñamente se foron ilusionando coa idea, teñen feito o posible e o imposible por colocaren no mapa xeográfico, social e cultural de Galicia esa curiosidade histórica que agora, afortunadamente, xa non lle é allea a case ninguén.
Hoxe, razóns que non veñen a conto non me terán presente no adro da igrexa de Santiago de Rubiás, onde os homes de acordo ocupaban o escano de pedra e decidían co xuíz, en bo goberno, as normas que habían rexer para garantir unha fluída convivencia entre a veciñanza daquelas terras libres e montesías do planalto trasmontano que o escritor portugués Bento da Cruz (tamén presente e asinante do manifesto xerminal aquel día de xaneiro) bautizou no seu argot literario como Gostofrío.
Sen embargo, entre outros moitos amigos que seguen ?e seguirán- formando parte do meu universo afectivo persoal, si que estarán as tres persoas ás que lles entregarán o símbolo das tres chaves -xunto coa capa que simboliza a coroza de palla- nomeándoas xuíces honorarios dese Estado cultural privilexiado e libre de atadallos ?antes económicos, agora intelectuais- que representa o Couto Mixto.
A casualidade quixo que os tres -Méndez Ferrín, María do Ceo e Miguel Ángel González- formen parte indisociable do meu Couto Mixto emocional e por iso é polo que quero felicitalos deste xeito, xa que hoxe non os poderei abrazar.