O acto tivo lugar onte na igrexa de Santiago de Rubiás, onde se localizaba o parlamento deste pequeno territorio independente de España e de Portugal ata o 1864. Cada xuíz recibiu o diploma, a insignia das tres chaves que abren o arcón histórico e o bastón de mando. Todos eles leron a fórmula de compromiso de defender a memoria histórica e o patrimonio do Couto Mixto.
«Cando eu era rapaz ninguén sabía que era o Couto Mixto», dixo un Ferrín feliz de estar nunha terra que o inspirou en novelas como Arraianos . María do Ceo respondeu cantando Verdes son os campos , de Camões; Adiviñanzas , bolero galego de Armando González, e sorprendeu cun tema inédito que era un himno ao Couto Mixto, obra tamén de Armando, moi aplaudida polos presentes. Quedou gardada no arcón que desde séculos é o arquivo deste lugar que, se non fose polo tratado de Lisboa de 1864, hoxe sería outra Andorra.
Este ano declarouse por vez primeira concellos amigos do Couto Mixto a Vilagarcía e A Estrada. E leuse a Declaración do Couto Mixto, para promocionar esta terra e con ela, a Galicia interior, rubricando o documento once concellos de Galicia e Portugal. Esta declaración é un chamamento ás institucións autonómicas e estatais para dinamizar os territorios da Raia Seca. O presidente dos Amigos do Couto Mixto, Luis García Mañá, pediu ao interior rural que non se renda ante «un futuro incerto». Ao remate houbo unha solta de 24 pombas.