La Región – Inxusta decisión

Luís Manuel García Mañá
Luís Manuel García Mañá

Deixemos correr a memoria e lembremos unha inxustiza histórica, unha grande inxustiza histórica. Estou a referirme o destino do Couto mixto despois do Tratado de Lindes asinado en Lisboa en 1864.
A mediados do S.XIX existían dous territorios históricos singulares, entre serras e montañas, nas fronteiras hispánicas. Un deles, Andorra, situábase no Pirineo Oriental, fronteira formada por dous países ricos pese a pobreza do lugar. O outro, o Couto mixto, ocupaba un cacho de terra entre Barroso e o Val do río Salas, nas faldras da Serra de Pena e Larouco, nas estremeiras.
Os dous territorios foron obxecto dunha nova delimitación fronteiriza no contexto das teorías positivistas do século que andaba a correr, delimitacións que aboiaron nos anos de 1864 e 1866, aínda que xa viñan de atrás os estudos das Comisións de Lindes.
Andorra estaba representada polos delegados de Luís Napoleón III, Emperador do II Imperio Francés, herdeiro político do Condado de Foix, e polo Bispo da Seu d´Urgell, que defenderon con enerxía o seu co-Principado e os seus dereitos seculares. En troques, os Señores de Bragança e de Monterrey, que o foran do Couto Mixto, declinaran a súa titularidade cando se aboliron os Señoríos, transformando o lugar nunha fronteira pobre, (dieta a base de patacas e pan centeo).
Uns e outros gardaban baixo chave os documentos que acreditaban os seus privilexios; (nun roupeiro con sete chaves, unha por parroquia, no caso de Andorra, e nunha arca con tres pechaduras no caso do Couto Mixto, chaves gardadas cadansúa nas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus).
Mentres Andorra foi defendida polos seus co-príncipes, prosperando ata o punto de que en 1993 foi recoñecida pola ONU como Estado Nacional, o Couto Mixto foi esnaquizado e esquecido inxustamente, integrándose na súa maior parte en España, no canto doutras cedencias a Portugal. Triste destino de abandono, como podemos ver!
A finais do S.XX uns cantos soñadores creamos a Asociación de Amigos do Couto Mixto. Desde entón recuperamos a súa memoria, dotándoo dun corpus literario, antropolóxico, musical e de outros contidos. Asemade co nomeamento anual de Xuíces Honorarios, aos que honramos e felicitamos, logrouse saír do anonimato e re-situarse de novo na Historia, quedando constancia parlamentaria a todos os niveis.
Pero non podemos perder forza, e precisamos dar un paso máis fronte aqueles que inxustamente se esquecen deste territorio histórico singular. Hoxe créase a Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto na procura dunha república non só literaria, se non de pensamento e coñecemento inter-fronteirizo. Ponse ao fronte dela a un sobranceiro académico, actualmente Decano da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo no Campus de Ourense. Parabéns profesor, parabéns don Xosé Manuel Cid Fernández.
Así, deste xeito, nós non imos esquecer o Couto Mixto e non deixaremos que desapareza a súa memoria na broza da Historia. Abriremos máis e máis camiños para que medre socialmente, para que esta terra de fronteira de froito. Nós non deixaremos morrer este cacho da nosa historia galega!

Previous articleEL TRAPEZIO – Entrevista Xosé Manuel Cid: “É preciso entender a mudança das fronteiras, ainda que haja algumas mentais”
Next articleEl Trapezio – Transfronteiriza