Galiciaenvinos.es – A Asociación Álvaro das Casas recoñecerá mañá no Pazo de Ulloa a aposta pola lingua de Solaina Minei e Evega

Bacelos de Prata 2017

O escritor galego Álvaro das Casas (Ourense, 1901), enormemente comprometido con Galicia, foi o fundador da primeira cooperativa de viño en O Ribeiro. Xa na primeira metade do Século XX defendeu que a comunidade tiña que mellorar a calidade dos seus viños, internacionalizalos e, sobre todo, vinculalos coa súa lingua e cultura.

A asociación que leva o seu nome leva xa varios anos organizando os premios Bacelos de Prata cos mesmos fins que das Casas e buscando, polo tanto, a normalización do galego no sector alimentario en xeral e no vitícola en particular. Un certame que premia a calidade dos nosos produtos e a aposta das empresas autonómicas polo galego nos seus etiquetados. Deste xeito e como ven sendo tradición, a Asociación Álvaro das Casas entregará mañá os galardóns da XIII Edición dos Premios Bacelos de Prata na Adega do Pazo de Ulloa, en Esposende, Ribadavia, a partir das 12.30 horas.

Uns premios que este ano recoñeceron a labor da adega de O Ribeiro Solaina Minei, establecida en Castrelo de Miño, por ter “recuperado un espazo vitícola practicamente abandonado, de centos de parcelas, converténdoo nunha única viña dunhas 30 hectáreas, a máis grande do Ribeiro”. A ela sumase Queixerías Bama, de Touro, na provincia de A Coruña e “con máis de 30 anos de traballo e tradición familiar”.

Por primeira vez nesta edición, os premios concederon dúas mencións honoríficas, unha no apartado de produtos agro alimentarios, ó Pan de Cea, e outro no de viño, á Estación de viticultura e enoloxía de Galicia, Evega, sita no Concello de Leiro e pola súa aposta pola mellora da calidade dos viños galegos, a prevención e control de enfermidades da vide e a recuperación de variedades autóctonas.

As catro entidades recollerán os seus galardóns mañá no Pazo de Ulloa en Esposende, Ribadavia. Un acto que contará ademais coa actuación musical da artista María do Ceo, quen recentemente ven de compoñer un himno para a Ribeira Sacra, candidata a patrimonio mundial pola UNESCO, e na que poderán degustarse os produtos das empresas galardoadas. O acto virá seguido de un xantar no propio Pazo de Ulloa.

Vermutería De Galicia, de Padrón, A Coruña; Alborexar do Ribeiro; de Castrelo, Ourense; Arco da Vella, D.O. Ribeiro; Terra de Asorei, O Salnés, D.O. Rías Baixas; ou Adega Cachín, A Teixeira, D.O. Ribeira Sacra; son outros dos actores do sector recoñecidos ao ongo da historia dos premios.

Previous articleLa Voz de Galicia – Unha aposta decidida polo Ribeiro e polo galego
Next articleEl progreso – A memoria da Asociación Cultural de Vigo