La Voz de Galicia – Unha aposta decidida polo Ribeiro e polo galego

Unha aposta decidida polo Ribeiro e polo galego

O caso dos veciños de As Bouzas e o proxecto de Solaina Minei é un exemplo paradigmático da aposta polo rural galego e pola implicación para pór en valor os recursos propios. Nas xuntanzas veciñais que se fan ao longo do ano botaron moito tempo matinando en que tiñan que facer algo, e cando se puxeron ao traballo conseguiron crear a viña máis grande da Denominación de Orixe Ribeiro e xerar emprego no pobo.

Un dos promotores da iniciativa, Jaime Méndez Paz, lembra como se desenvolveu o proceso: «Orixinariamente eran máis de 700 parcelas, por aí unhas 720 creo lembrar, e tardamos ano e medio en facer o proxecto. Propietarios eramos oitenta e na actualidade uns 58. Houbo xente que vive fóra e preferiu vender a súa parte». Para acometer o traballo de reagrupar as terras, crear os camiños e construír muros tiveron subvención. O resultado é unha parcela de 30 hectáreas, con 28 de viñedo, e unha adega que elabora o viño Nove Queipos. Ademais, tamén venden uva para outras adegas.

En Solaina Minei teñen como lema a máxima de Castelao na que se di que o verdadeiro heroísmo é transformar as ideas en realidades e tamén un compromiso rexo co idioma.

A singularidade do proxecto e a aposta polo galego é o que valorou o xurado que concede os premios Bacelo de Prata, que entregará este sábado un deles a Solaina Minei. O acto comezará ás 12.30 horas no pazo de Esposende, en Ribadavia.

Para os veciños de As Bouzas o galardón é un recoñecemento ao traballo feito nestes anos. «Non contabamos con el e daquela foi toda unha sorpresa cando nos dixeron que nos concederan o premio. Nós facemos todo en galego porque ese é o noso compromiso e porque cremos que así debe ser. E se nos premian por iso, pois encantados», sinala Jaime Méndez Paz.

Previous articleGalicia Confidencial – A lingua dos nosos produtos de calidade
Next articleGaliciaenvinos.es – A Asociación Álvaro das Casas recoñecerá mañá no Pazo de Ulloa a aposta pola lingua de Solaina Minei e Evega