Xosé Rodríguez Cruz, ese xornaleiro da cultura vén de publicar un libro – “Contos e lendas arraianos”- que recolle unha colectánea de contos populares escoitados dos beizos das xentes que habitan a raia seca.
Con este libro a cultura da fronteira adquire maior entidade, e nomeadamente a do Couto Mixto que queda ben reflectida na obra comentada. Unha contribución que se engade á moita xa publicada en formato libro e audiovisual, que fai daquel territorio singular o espazo máis literaturizado da raia seca. Un éxito que sen dúbida hai que atribuírllo á Asociación de Amigos do Couto Mixto que durante algo máis de vinte anos puxo o enorme empeño en recuperar unha historia descoñecida. A primeira pedra dese edificio documental púxoa Luís M. García Mañá, e despois, aos poucos, outros foron colocando a súa pedra con marca, seguindo a tradición dos canteiros que erguían castelos e torres, ata edificar os sólidos muros da historia da primeira república democrática da historia da Gallaecia.
O Couto Mixto é, de seu, un referente histórico singular e como tal debe ser recoñecido pola Xunta de Galicia, porque a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia no seu articulado establece a protección daqueles territorios caracterizados por teren unha historia propia. Por esta razón a Asociación de Amigos do Couto Mixto envíoulles aos concellos de Calvos de Randín e Baltar unha proposta para que as respectivas corporacións aproben unha moción solicitando do Goberno galego que declare aquel enclave Territorio Histórico.
Asemade, e tendo como antecedente a concesión da dobre nacionalidade que o goberno portugués lles concedeu ao concello de Olivenza, que antes que español foi luso, e pola similitude histórica cos pobos de Cambedo, Soutelinho da Raia e Lama de Arcos, que antes de seren portugueses foron galegos, a devandita Asociación de Amigos solicitará do Goberno español a dobre nacionalidade para os seus habitantes; e faranse xestións para que o portugués á recíproca llela conceda aos veciños do Couto Mixto.
Esta pretensión casa coas constitucións das eurocidades de Verín-Chaves, Salvaterra-Monçao e Valença-Tui, que están trenzando unha nova cidadanía que obrigatoriamente terá que gozar nun futuro inmediato da dobre nacionalidade.
O próximo día 2 de xullo celebrarase en Santiago de Rubiás o tradicional acto de nomeamento de novos Xuíces Honorarios. Nesta ocasión foron merecentes de tales honras a Eurocidade Valença-Tui, a Asociación Galego-Portuguesa de Profesores pola Paz, e o dúo musical 2nafronteira.
Haberá no programa de actos tamén un tempo dedicado á celebración da fundación do centenario das Irmandades da Fala, precursoras da desaparición das fronteiras entre Galicia e Portugal ao solicitaren dos respectivos gobernos a libre circulación dos cidadáns dos pobos arraianos sen necesidade de utilizaren os pasaportes. Participarán grupos de música tradicional de aquén e alén da fronteira para deixarán constancia da diversidade músical que nos une. Plantarase un ciprese no adro da igrexa de Santiago de Rubiás como símbolo da fraterna convivencia daquelas feguesías galegas e portuguesas.
O Couto Mixto volverá ser a capital da memoria da antiga Gallaecia e unha oportunidade máis para seguirmos creando conciencia común nun territorio no que hai máis coincidencias ca diverxencias; unha vella república democrática na que os seus gobernantes eran elixidos polo voto universal e directos dos veciños.