Xunta.es – O conselleiro de Cultura e Educación salienta o labor do Couto Mixto no fomento da convivencia e a interculturalidade, no nomeamento dos seus novos xuíces honorarios

Calvos de Randín (Ourense), 30 de xuño de 2012.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o labor desenvolvido pola Asociación de Amigos do Couto Mixto no fomento “do diálogo, a convivencia, a interculturalidade e o respecto polo seu pasado, recuperando a historia propia”. No nomeamento dos seus novos xuíces honorarios, celebrado na igrexa de Santiago de Rubiá (Calvos de Randín), felicitou a este colectivo “polo estimulante traballo que facedes a prol do encontro, intensificando e concretando o noso coñecemento interrexional – entre Galicia e o norte de Portugal- e polo traballo que facedes a prol da recuperación e a lembranza da historia local”. “Só con boas cousas pequenas seremos quen de construír, desde a cultura, unha sociedade máis desenvolvida, libre e xusta”, rematou.

Neste acto, no que o conselleiro estivo acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incorporáronse como xuíces honorarios o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán; o presidente da Cámara Municipal de Chaves, Joâo Gonçalves Martíns Baptista; o gaiteiro Carlos Núñez e o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Xose A. Gómez Segade.

A Consellería, no marco do seu compromiso de preservar o patrimonio cultural galego mediante accións de conservación e posta en valor, acometerá nas próximas semanas a restauración do retablo de San Ramón da igrexa de Santiago de Rubiá, así como das súas pinturas murais. Estas actuacións, as primeiras realizadas pola Administración autonómica neste templo románico ampliado no século XVIII, e para as que está previsto un investimento de 74.000 euros, dan conta do compromiso da Xunta de Galicia con esta igrexa, de grande significado para o Couto Mixto – de feito nela deposítase a Arca das Tres Chaves, símbolo da entidade organizativa-.

Un territorio singular
A Asociación de Amigos do Couto Mixto nomea cada ano a tres xuíces honorarios, persoas ou organizacións que destacan polo seu labor cultural e etnográfico, de acordo cos valores desta asociación, nacida en 1998 co fin de revitalizar a memoria histórica do Couto Mixto. Un territorio conformado hoxe polas freguesías galegas de Santiago, Rubiás e Meaus – concellos de Baltar e Calvos de Randín-, independente ata 1.863, e con privilexios tales como non ter que se alistar en ningún dos dous exércitos -nin no español nin no portugués- ou non estar obrigados a pagar tributos a ningún dos dous Estados.

Este colectivo, presidido polo primeiro historiador que afondou na historia deste territorio, Luis Manuel García Mañá, traballa pola recuperación da memoria histórica do Couto Mixto, difundindo os seus valores naturais e patrimoniais, e afondado na cultura da ‘raia’ con Portugal e nas afinidades co país veciño no marco do ordenamento estatutario. Así mesmo, procura que intelectuais e persoeiros das artes e das letras galegas contribúan a divulgar e promover o Couto Mixto. Por outra banda, a asociación desenvolve actividades culturais como cursos de verán, ou a publicación de diferentes estudos de investigación, entre outras.

A asociación recibiu no 2002 o Premio da Fundación Premios da Crítica, na súa sección de Iniciativas Culturais, polo seu traballo de recuperación da autoestima e riqueza antropolóxica deste territorio, exemplo de mestizaxe cultural.

Previous articleEl Correo Gallego – A Asociación Couto Mixto nomea os seus novos xuíces honorarios
Next articlePraza Publica – Nace a Irmandade Galega de Adegueiros