Militante galeguista na súa mocidade na vila onde naceu, despois do ano 1936 tívoa que abandoar para fuxir da represión franquista. Instalado en Vigo puxo unha academia de ensino nunha rúa céntrica da cidade, que lle servíu de medio de vida ao tempo que un centro desde o que conspirar contra a ditadura. Durante unha década, unha vez abandonada a súa militancia nacionalista, que non a súa ideoloxía, formou parte dunha estrutura de apoio á guerrilla. Foi nestas actividades cando se produce a súa caída e detención.
Pasou algún tempo no cárcere da Coruña ata que aproveitando unha liberdade condicional fuxíu buscando acubillo nunha aldea de Celanova onde permaneceu durante un ano. Ao cabo dese tempo pasou a fronteira con Portugal para embarcar en Porto camiño de Venezuela. Ese intento resultou frutrado ao ser detido pola PIDE. Pero a intervención de Rómulo Gallego, presidente electo de Venezuela salvou nunha devolución segura ás autoridades franquistas. O consulado expedíulle un “pasaporte de emerxencia” co que puido embarcar camiño do porto de La Guayra.
En Caracas volve abrir unha academia de ensino – Orto- á que acuden os fillos de coñecidos políticos venezolanos. Parellamente desenvolve unha intensa actividade nas sociedade de emigrantes galegos participando no 1º Congreso da Emigración Galega de 1956 celebrado en Buenos Aires, onde destacou como un gran orador e axitador de masas. Como experto organizador puxo en marcha do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación que había protagonizar coñecidas accións armadas para socavar o réxime franquista, sendo o secuestro do trasatlántico “Santa María” de bandeira portuguesa a acción máis épica do DRIL. Pepe Velo o Coordinador Xeral do comando, asistidos polos seus axudantes José Fernández “Comandante Sotomayor”, un militar galego da armada republicana, e o capitán portugués, Henrique Galvao.
Aquela acción pretendeu chamar a atención do mundo sobre dúas ditaduras, a portuguesa e a franquista. O secuestro comezou o 22 de xaneiro de 1961 e rematou o 2 de febreiro. Durante estes días a prensa internacional fíxose eco daquela acción. Jânio Quadros, presidente da República do Brasil, déulle asilo ao comando. Ata a súa morte, o 31 de xaneiro de 1972, permaneceu exilado naquel pais Pepe Velo. Durante eses once anos abríu librería e fundou a editorial “Galicia ceibe” na que tiña mentes de publicar obra de autores galegos.
A Fundación Lois Peña Novo e a Asociación de Amigos do Couto Mixto vai celebrar o próximo día 6 de decembro na vila de Melgaço un acto para honrar a figura de Pepe Velo coa colocación dun monolito, obra da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra, na que se recorde a breve estadía de Pepe Velo naquel concello, que coincidíu coa doutros fuxidos
que foron acubillados por moitos cidadáns daquel concello miñoto.
O día 30 de xaneiro, a instancias da Fundación Lois Peña Novo e as colaboracións do Concello de Celanova e Secretaría Xeral de Política Lingüística descubrirase un monumento a Pepe Velo da autoría do escultor J.Molares, que será ubicado nocéntrico Parque das Trigueirizas.