Fermín Bouza Brey escribíu en 1931 nun medio de comunicación galego un artigo titulado ”La Administración de Justicia y el bilingüismo” no que denunciaba a imposibilidade de utilizar a lingua galega nos procedementos procesuais. Podemos afirmar con rotundidade que el foi, xa que logo, o precursor da reivindicación do noso idioma nos usos xudiciais. A honra de ditar a primeira sentenza en lingua galega correspondeulle á Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña formada polos maxistrados Ricardo Leirós Freire, Gonzalo de la Huerga Fidalgo e Claudio Movilla Álvarez. Isto aconteceu en marzo de 1985 a instancias do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. Isto foi posible porque dous anos antes, en 1983, o Parlamento de Galicia aprobara a Lei de Normalización Lingüística. No seu artigo 7.2. recoñéceselle ás partes do procemento xudicial o dereito a solicitaren resolución na nosa lingua.
Fermín Bouza Brey foi un humanista que cultivou a creación literaria, ensaio e investigación nos eidos etnográfico e arqueolóxico, dirixindo varias excavacións para descubrir o pasado prehistórico galego. O seu talento foi fundamental para acadar a reconstrución da nosa identidade nacional.
A próxima homenaxe que promoverá a Irmandade Xurídica será o día 29 do mes que andamos no cemiterio de Cortegada onde está soterrado no panteón familiar, e a continuación na Casa do Concello cunha sesión académica. En ambos os dous actos participarán o presidente do Parlamento de Galicia, o secretario xeral de Política Lingüística, o presidente da Deputación de Ourense e o alcalde do Concello de Cortegada arroupado por máis de vinte rexedores e rexedoras municipais da provincia.
Todos eles, convocados pola Irmandade Xurídica Galega, darán a coñecer a “Declaración de Cortegada”, que é un documento que recolle os valores inspirados no Estatuto de Autonomía de Galicia que este ano celebramos o corenta aniversario da súa aprobación, e a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, disposición legal que protexe o conxunto de bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor histórico, arquitectónico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico ou técnico, documental ou bibliográfico, deben ser considerados como de interese para a permanencia da identidade cultural galega.
Fermín Bouza Brey foi un abandeirado das idea que aparecen recollidas no Estatuto e nesa disposición xurídica. As corporacións locais de Galicia deben recoller o seu legado e protagonizar, ao par da Xunta de Galicia, a defensa do noso patrimonio cultural, da nosa paisaxe e do noso folclore, promovendo e colaborando coas múltiples asociacións que traballan nese labor. Unha atención especial merece a paisaxe, ás veces tan maltratada, como elemento esencial da contorna e do benestar humano, indicador da calidade de vida das persoas, expresión da nosa identidade propia.