Galicia Confidencial – Cando a vontade move montañas

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

O décimo cabodano do pasamento do xeneral da Garda Civil Gonzalo Jar Couselo é o pretexto para rememorar o traballo realizado desde 1990 pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) para que os corpos policiaís en Galicia recoñezan e exerzan o réxime da cooficialidade lingüística.

Un proxecto tan ambicioso tiña moitas dificultades. Comprían moitas dóses de imaxinación. Pero conseguímolo. Houbo que abrir varias liñas de actuacións. En primeiro lugar alertar aos grupos parlamentarios do Congreso dos deputados da importancia de modificar a cultura dos corpos policiais respecto das linguas cooficiais. Solicitamos das instancias gobernamentais competentes na materia que se arbitrasen medidas para o obrigado cumprimento. Ao tempo, a AFNLG dirixíuse aos altos mandos do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil instándoos a modificaren comportamentos impropios dos seus subordinados que afectaban aos dereitos lingüísticos dos cidadáns, debendo ser imitados os comportamentos positivos da maioría das policías locais pola decidida actuación dos gobernos municipais.

Despois de moitas conversas cos responsables dos sindicatos policiais, a AFNLG editou unha publicación titulada “A normalización da lingua galega no ámbito do Corpo Nacional de Policia”, que foi distribuído amplamente nas comisarías. Dicia aquela Declaración: “A recuperación social da lingua galega é unha tarefa inexcusable se queremos ser un país democrático e avanzado de cidadáns máis libres, máis cultos e máis solidarios. Esta tarefa é inalcanzable se a ela non se incorporan aquelas institución básicas que artellan a sociedade e que son o referente para as xentes do común”. Asinaban a Declaración a Confederación Española de Policía, Sindicato de Comisarios de Policía, Sindicato Profesional da Policía, Sindicato Unificado de Policía e Unión Federal de Policía. Este foi o comezo do cambio.

Paralelamente, fóronse sucedendo reunións a caneiro cheo cos comisarios-xefes do CNP, que foron manifestando as súas simpatías coas propostas galeguizadoras coa inestimable colaboración dos xefes superiores que eran galegofalantes, Avelino de Francisco e nomeadamente pola constancia de García Mañá que ademais era escritor en lingua galega.

Unha parte do proxecto deseñado pola AFNLG estaba realizado. A mellor mostra foron as declaracións feitas por Xosé L.Freire, secretario xeral do SUP que un medio de comunicación titulou asi: “A reprimenda dos superiores por falar galego pasou á historia”. Efectivamente, o compromiso entusiasta de todos os comisarios-xefes de Galicia foi decisivo.

Con colaboracións de coñecidos escritores e moitos comisarios, inspectores e policía da escala básica editouse “Palabra por palabra. Contos da Policía”, unha iniciativa novidosísima sen precedentes .

Pero aínda quedaba por integrar a Garda Civil. Sen a súa incorporación o proxecto normalizador quedaría incompleto. Mantivéronse conversas con dous xenerais, Manuel Ferreiro Losada e Gonzalo Jar Couselo, ambos dous galegofalantes, xa falecidos. A sintonía foi total, ata o punto de que este último, que amais de xeneral de división era profesor universitario e autor de numerosa bibliografía, pedíra o ingreso na AFNLG.

Pero aínda quedaba dous puntos de soldadura importantes. Primeiro, a celebración dun seminario en réxime de internado unha fin de semana no Hotel Mosteiro de Aciveiro. Naqueles días de memorable nevarada, participaron todos os comisarios e xefes da Garda Civil e unha representación de xuíces e fiscais da Irmandade Xurídica Galega. O Fiscal Superior de Xustiza, Carlos Varela García foi decisivo neste proceso, para estudarmos o alcance da normalización lingüística nas institucións policiais e unificar criterios nas actuacións; e 2) a publicación dun voluminoso libro (759 páxinas), titulado “En galego, con toda seguridade” (pódese descargar en www.galeguizargalicia.gal), ao coidado do deseñador gráfico e fotógrafo, Pio García coa colaboración de moitísimos mandos policiais, e tamén a participación de medio cento de alcaldes e os xefes das respectivas policías locais con cadanseu texto apoiando a normalización lingüística. Para a súa edición contouse coa subvención da Secretaría X. de Política Lingüística, que entón dirixía dona Marisol López.

Rematou o proxecto iniciado en 1990 cunha coidada posta en escena da presentación da devandita publicación no Hostal dos Reis Católicos na que participaron 250 uniformados de todos os corpos policiais e graos. Non podo poñer cabo a este relato sen contar unha anécdota reveladora, porque manifesta a importancia do entusiasmo que require calquera iniciativa para chegar a bo fin: convidáramos ao Presidente da Xunta de Galicia a presidir o acto. Pasaban os días e non tiñamos a confirmación do seu Gabinete. Ata que por fin, despois de insistirmos moito, media hora antes do comezo recibimos unha chamada telefónica anunciando a súa presenza. Unha comisión recibíuno na porta do Hostal. Camiño da Capela Real colleume dun brazo e preguntoume confidencialmente: Canta xente hai? Pensaría que seriamos unha dúcia como moitos. Ti entra e xa verás, respondínlle. Chegados á entrada da Capela, sorprendido por aquel escenario díxo: Isto non seríamos capaces de facelo nós!. Presidente, díxenlle, a vontade move montañas.

Deixar comentario

Please enter your comment!
Please enter your name here