A Deputación de Pontevedra, a Irmandade Xurídica Galega e a Xunta de Galicia, xunto a 35 pequenos concellos da provincia, asinaron este sábado a Declaración de Pontevedra, un manifesto no que se comprometeron a fomentar o uso do galego nas relacións entre as corporacións locais e a xustiza. Segundo subliñaron a presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, este compromiso supón “un feito histórico” na normalización do idioma do país, xa que nestes momentos a lingua galega fica aínda relegada no uso xudicial por cuestións históricas.
O manifesto establece como obxectivo normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que as e os representantes municipais (mediante asesorías propias ou externalizadas) soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma da Galiza. No texto tamén se recolle que, de aquí en diante, as contratacións de asesorías xurídicas externas por parte dos concellos deberán incluír unha cláusula para que as actuacións procesuais que se realicen en nome de cada unha das corporacións locais asinantes da Declaración de Pontevedra sexan en lingua galega.
No acto, no que tamén se conmemorou o 50 aniversario do I Congreso do Dereito Galego, foron anfitrioas a presidenta da Deputación Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, que estiveron acompañadas do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia Valentín García, e do presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, xunto a representantes de 35 concellos. En representación da comarca do Salnés participaron a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, o alcalde de Cambados, Samuel Lago, xunto a concelleiros e concelleiras de A Illa de Arousa e Sanxenxo. Como relatoras falaron a maxistrada Ana Filgueira Paz, a representante da Irmandade e da FEGAMP Patricia Vilán, a avogada Ana Mosquera, e o responsable da asesoría xurídica do Concello de Pontevedra, Xavier Munaiz, municipio que xa realiza todos os seus trámites xurídicos en galego. Asistiron grande número de maxistradas e maxistrados entre os que se puideron recoñecer Ramón Villares ou Xesús Palmou, entre outros.
A presidenta da Deputación Carmela Silva quixo destacar que o acto pola galeguización xurídica dos concellos realizado hoxe na Deputación “é imprescindible” para falar da situación da lingua, xa que “é o armazón do país e sen ela dificilmente se pode construír un pobo e o seu pensamento”. Subliñou que o galego é “prestixioso por si mesmo” e que “se o usamos nos lugares nos que reside o poder do pobo, o Executivo, o Lexislativo e o Xudicial, trasladámoslle á cidadanía que é unha lingua que hai que defender”.