La Voz de Galicia – A terra pide pobo

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

O número de marcas comerciais que etiquetan os produtos en lingua galega é cada vez maior; non ao ritmo que deberan, pero si que é incesante. Os promotores das empresas que optan por esta identificación dos seus produtos coa nosa singularidade patrimonial atinan ben. Neste proceso de galeguización da economía o Foro E. Peinador contribuíu a ampliar os espazos de uso da lingua galega alén do sistema literario. Foi unha innovación sen precedentes na historia da lingua galega.

Para acadar este obxectivo celebráronse diversos actos e publicacións. É un proceso complexo con moitas dificultades. Por unha banda, están as reticencias dos produtores que consideran que a utilización do noso idioma nas etiquetas e contraetiquetas limita a comercialización dos seus produtos. Argalladas sen fundamentos.

En máis dunha ocasión tiven que convencer a algúns empresarios a pé de mostrador en cafeterías, pedíndolles que reparasen nos expositores dos establecementos hostaleiros. As máis das marcas comerciais están etiquetadas nos idiomas dos países de procedencia coa clara intención de reforzar a denominación de orixe e acreditar a excelencia dos produtos. Quen elixe un whisky escocés ou unha champaña francesa etiquetados en castelán pode estar optando por sucedáneos.

Por estas datas do Nadal, o incremento do consumo estimúlase coa proliferación de anuncios emitidos polas diversas canles de televisión con anuncios de coidadas elaboracións, pregoando marcas de perfumes e colonias con voces e textos en francés. Os seus fabricantes déixanse aconsellar polos creativos que consideran que vender en mercados foráneos nesa lingua é un signo inequívoco da autenticidade da oferta.

O éxito destas campañas publicitarias debera facer reflexionar aos empresarios galegos nos que aínda aniñan moitos prexuízos lingüísticos.

O Foro E. Peinador promoveu a Carta de Consumo Responsable e Solidario demandando de todos os movementos sociais o exercicio pedagóxico, estimulando o consumo de produtos do país, amosando preferencia por aqueles que se etiquetan no noso idioma. Son os consumidores os que coa aplicación destes criterios deciden o futuro da nosa economía e lingua, que deben ir sempre da man, para facerlles fronte aos perversos efectos da diglosia que coutan os usos da nosa lingua, limitándoos a ámbitos reducidos. A calidade precisa do sinal distintivo da lingua e o futuro desta depende do exercicio responsable dos consumidores.

Previous articleLa Región – Cortegada rende homenaxe a Fermín Bouza Rey e a xeración Nós
Next articleFaro de Vigo – Declaración de Cortegada