O cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, único en Galicia con todas as lápidas en galego

San Facundo de Ribas de Miño

Ao ser o cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, no Concello lucense de Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o Concello de Paradela, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, van celebrar o próximo trinta e un de outubro, nas vísperas das dúas festividades de “Todos os Santos e de Todos os Defuntos” un acto en Paradela de reafirmación do uso do idioma galego.

O acto comezará na casa do Concello de Paradela, ás doce da mañán, onde o alcalde, José Manuel Mato dará a benvida aos participantes, e aos paradelenses que desexen sumarse a esta celebración.

De seguido, os presentes que o desexen asinarán a acta de REAFIRMACIÓN DE GALEGUIDADE, que se ven suscribindo neste tipo de actos, na que os presentes interesados participan na iniciativa EN GALEGO, AGORA E SEMPRE, declarando querer que a súa despedida vital, funerais e todas as cerimonias de despedida da vida, sexan feitas en idioma galego.

O acto no Concello finalizará coas palabras do Presidente da Asociación de Funcionarios para a normalización lingüística, Xosé González Martínez, e o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.

Desde a capital do concello, os participantes desplazaranse ao cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, onde se descubrirá unha placa que deixa constancia desta celebración, visitarase o cemiterio e a igrexa, e o crego e musicólogo Xesús Mato Mato, fillo predilecto do concello de Paradela, rezará un responso polos que descansan naquel cemiterio, con todas as súas lápidas en galego.

Previous articleFaro de Vigo – Homenaxes a Pepe Velo
Next articleLa Voz de Galicia – Un cementerio de Paradela, el único con todas sus lápidas en gallego