Hai un mes o Concello de Ribeira anunciou que a partir de entón utilizaría o topónimo oficial despois de moitas décadas de incumprimento do decreto da Xunta de Galicia que oficializaba o topónimo escrito con “b” e non con “v”. Unha desobediencia semellante practicada polos alcaldes de Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal e Pobra do Brollón que insistían en denominárense “Puebla”. Estes hai ben tempo que corrixiron o despropósito. Foron tempos aqueles no que tamén o alcalde de Ponteareas prefería utilizar o híbrido Puenteareas, e Francisco Vázquez, alcalde de A Coruña, co apoio dun coruñesismo rancio reivindicada idéntica perversión lingüística.
As institucións públicas con competencias en cadansúa rede de estradas non actuaron coa delixencia debida para corrixir os indicadores de poboación consonte co disposto nas normas que eran de obrigado cumprimento; neste caso o Estatuto de Autonomía. Por mor dista inoperancia institucional algúns cidadáns procederon “gratis et amore” a corrixir os indicadores.
Nunha destas accións a Garda Civil sorprendeu a un mozo cando estaba modificando algúns sinais informativos de orientación ao tráfico no barrio de San Caetano, onde está a sede do Goberno galego, ”transformando en gallego los nombres escritos en castellano”, segundo o parte de denuncia presentado perante o Xulgado de Instrución número 2 de Santiago de Compostela. O seu titular, un madrileño afincado en Galicia, don Carlos López Keller, ditou setenza absolutoria declarando que os feitos non eran constitutivos de delito, “porque segundo o artigo 5ª-1 do Estatuto de Autonomía de Galicia, a lingua propia de Galicia é o galego”. Engadía a sentenza que o acusado limitouse a adiantarse á inoperante actuación oficial. Só lle faltou dispoñer o pagamento do bote de pintura por tan meritoria actuación do cidadán.
O máis escandaloso foi o ilegal comportamento de moitos xuíces que nas súas sentenzas utilizaban incorrectamente a toponimia; eles, que estaban obrigados a impartiren xustiza en base á lexislación vixente. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística denunciou cantas veces foi necesaria aqueles procederes, sinalando polo nome e apelidos aos titulares dos órganos xurisdicionais que o facían.
Algúns profesionais do xornalismo,contrarios á normalización da lingua galega, botando leña no lume, alentaron nun sector da opinión pública actitudes conflitivas.. Lembro agora dous exemplos moi ilustrativos. Nun caso, foi cando o goberno municipal cando instalou unha nova sinalética na cidade, que foi calificada como improcedente “porque era motivo de desorientación para los turistas que nos visitan”. Co mesmo discurso contrario aos novos usos lingüísticos reprochábaselle ao alcalde que nunha recepción oficial na que estaba presente o xeneral gobernador da praza pronunciase o seu discurso en galego “por no ser respetuoso con la autoridad militar”.
Aquelas faiscas incendiarias deron pé á irracionalidade. Tales foron os casos de dous cidadáns de localidades distantes que se negaban a pagar senllas sancións por infraccións de tráfico consistentes en estacionar en partes da via reservadas a outros usuarios (zonas de servizos superando máis do dobre do tempo permitido), interpondo recursos xudiciais alegando os recorrentes. por tocaren o violo, descoñecer o idioma no que estaban redactados os sinais de prohibición. As argalladas esgrimidas por estes cidadáns foron idénticas, e desestimadas por careceren de veracidade nas respectivas sentenzas ditadas polos xuíces.
De todo o exposto dedúcese que en Galicia sempre houbo cidadáns e cargos públicos con medo a seren moi galegos. Un andazo que o tempo foi curando, pero que aínda ten de cando en vez manifestacións anecdóticas. Outro caso ilustrativo foi o dun coñecido profesor estudoso do noso románico, que a mediados dos anos sesenta publicou un artigo nun medio de comunicación denunciando o perigo separatista da autorización de misas en lingua galega. Sen embargo,tempo despois, tivo un trasacordo, e nos derradeiros anos da súa vida acudía, como fiel devoto que era, todos os sábados aos oficios relixiosos en galego
Home Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüistica