Volveu o Couto Mixto a xuntar aos seus amigos para nomear aos novos xuíces honorarios e fíxoo nunha xornada cargada de boas novas para o territorio arraiano, ceibe no seu día e agora espallado entre Galiza e Portugal. Segundo anunciou o secretario xeral de Política Lungüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o Couto Mixto contará nun futuro próximo cun centro de interpretación. Para facer realidade este proxecto estase a negociar a merca da casa da botica de Meaus, no municipio de Baltar, para convertela na sede do referido centro. Unha ubicación que tería ademais un gran compoñente simbólico, xa que a casa foi a do último xuíz do territorio ao que estaban vencelladas as aldeas que formaban parte da comarca. Valentín García amosouse esperanzado co futuro da zona «xa que cada vez que veño vexo máis casas rehabilitadas e iso quere dicir que se está a traballar no camiño correcto e que a xente ten interese por recuperar a zona».
Tamén se procedeu a designar a Xosé Manuel Cid como responsable da recén creada Academia do Couto Mixto, unha institución que está chamada a promover estudos e iniciativas vencelladas co territorio, co obxectivo de dinamizalo e recuperar a identidade e a singularidade da zona. Cid recolleu a nominación como primeiro académico con orgullo, como persoa das terras limiás, e coa seguridade de que vai ser difícil seleccionar aos futuros académicos pola grande e meritoria cantidade de xente que pode formar parte da mesma. Comprometeuse a «buscar ás mellores persoas para trazar os obxectivos e desenvolver as iniciativas que podan axudar a mellorar a vida das xentes destas terras e potenciar a riqueza histórica e material que posuimos».
Os novos xuíces honorarios incorporados no acto celebrado na igrexa de Santiago de Rubiás, onde se garda a arca das tres chaves e que pertence ao municipio de Calvos de Randín, son a avogada Consuelo Castro Rei, o médico Armando González López e a cineasta Diana Gonçalves. A avogada do Estado Consuelo Castro amosouse sorprendida e agradecida ao recoñecer que «nunca tal pensei que estaría aquí recibindo esta distinción e só quero dar as grazas pola honra que se me fai». Amosou publicamente a súa gratitude polo traballo, enerxía e entusiasmo co que se está a traballar dende a Asociación de Amigos do Couto Mixto para recuperar o territorio arraiano e incidiu sobre o rápido que se pode esquecer a historia colectiva. Comprometeuse Consuelo Castro a contribuir á tarefa común a prol da zona «con toda a miña enerxía e o pouco ou moito que eu poda saber» en materia xurídica.
O médico Armando González referiuse á relación histórica que mantén coa zona dende que foi nomeada xuíza honoraria María do Ceo -a cantante coa que colabora na creación de temas e intérprete do «Himno do Couto Mixto», cuxa letra é da súa autoría- e amouse honrado de poder aportar o seu traballo á causa común do territorio arraiano. A cantante portuguesa afincada en Ourense puxo a música no acto.
Pola súa banda, a cineasta Diana Gonçalves, directora do documental «Mulleres da Raia», lembrou a súa propia historia familiar para exemplarizar a unión e a convivencia sen fronteiras das xentes dos dous lados da raia.