La Voz de Galicia – Maceda acolleu a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

O cemiterio de Maceda acolleu este domingo a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, unha actividade organizada polo departamento de Cultura do Concello de Maceda no marco da campaña «En Galego, agora e sempre». O acto estivo presidido pola alcaldesa, Uxía Oviedo; o titular de Cultura e tenente de alcalde, Celso Sánchez; Xosé Carballido, en representación da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, e Manuel Pérez, cura párroco de Maceda.

Celso Sánchez lembrou que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia convoca todos os anos por estas datas -nos meses de outubro e novembro- a campaña de dinamización lingüística «En galego, agora e sempre» en colaboración cos concellos. O obxectivo da mesma é xerar un movemento cultural de restauración da memoria lingüística que recupere espazos para o galego. Lembrou que a práctica de escribir as lápidas en castelán «non ten máis sentido que agochar a nosa lingua neses espazos de memoria colectiva que son os cemiterios, moitas veces sen sequera telo interiorizado por ser algo que ofrecen as empresas mortuorias sen que a familia se percate da situación que iso provoca». Tamén sinalou que a campaña a prol do galego «é unha proposta pedagóxica que tenta facer unha chamada á reflexión das comunidades parroquiais para poñer fin a inercias que distorsionan a nosa realidade cultural caracterizada pola utilización maioritaria da lingua galega nos usos sociais».

Previous articleFaro de Vigo – El idioma de los muertos se escribe en gallego
Next articleFaro de Vigo – A lingua vive no cemiterio: “Grazas ás persoas que aquí xacen, Galicia ten cultura e lingua de seu”