Faro de Vigo – A lingua vive no cemiterio: “Grazas ás persoas que aquí xacen, Galicia ten cultura e lingua de seu”

“Na memoria de todas as persoas que aquí xacen, porque grazas a elas Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. Unha placa de pedra á beira da porta de acceso ao cemiterio de Maceda honra os antigos que preservaron o galego, na maioría dos casos por medio da tradición oral, garantindo que a cultura do país resistise malia as dificultades de períodos históricos escuros.

O camposanto de Maceda acolleu onte un acto de restauración da memoria lingüística, organizado polo Concello, no marco da campaña “En galego, agora e sempre”. Participaron a alcaldesa, Uxía Oviedo; o concelleiro de Cultura, Celso Sánchez; un representante da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, Xosé Carballido; e tamén o párroco de Maceda, Manuel Pérez.
A campaña “En galego, agora e sempre” pretende xerar un movemento cultural de restauración da memoria lingüística que recupere espazos para o noso idioma. “A práctica de escribir lápidas recordatorias nos camposantos en castelán non ten máis sentido que agochar a nosa lingua neses espazos de memoria colectiva”, sinalan os convocantes.

“‘En galego, agora e sempre’ é unha proposta pedagóxica que tenta facer unha chamada á reflexión das comunidades parroquiais para poñer fin a inercias que distorsionan a nosa realidade cultural, caracterizada pola utilización maioritaria da lingua galega nos usos sociais”, lembran.
“É ilustrativa a cifra que nos informa de que de cada mil lápidas, só unha está escrita en galego”. A alcaldesa anima a asinar actas de vontade para deixar constancia escrita dos desexos de que as lápidas estean en galego, para que a memoria fale a lingua propia.

Previous articleLa Voz de Galicia – Maceda acolleu a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia
Next articleBadalNovas – Na Limia en Galego, Agora e Sempre