Galicia Confidencial – Couto Mixto. Memoria da fronteira

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Pola volta do próximo día 13 volverémonos ver en Santiago de Rubiás varios centos de amigos e curiosos co gallo da festa que convoca a Asociación de Amigos do Couto Mixto. Celebrarase o acto tradicional de nomeamento dos Xuíces Honorarios e lembranza da historia daquelas terras que durante moitos séculos gozaron dun estatuto xurídico idéntico ó de Andorra.

Os novos xuíces honorarios, previa a promesa de defenderen a memoria histórica, recibirán senllas réplicas do bastón de mando e chaves do histórico arcón no que se gardaban os documentos daquel singular territorio. Un cerimonial que este ano contará coa actuación musical do dúo ‘2naFronteira’ formado por Carme Penim e Maurizio Polsinelli, que estrearan algunhas composicións dedicadas a aqueles pobos arraianos que teñen no Val do Salas e as serras do Larouco e Xurés o escenario natural ó que tantas veces se ten referido Xosé Benito Reza como un paraíso apenas coñecido polas xentes das grandes urbes galegas.

Para coñecer a súa historia e antropoloxía é obrigado ler os libros de Luís Manuel García Mañá (‘Couto Mixto. Unha república esquecida’) e de Paula Godinho (‘Oír o galo cantar dúas veces’). Ambos os dous son eruditos coñecedores das oríxes dunha institución xurídico-territorial que se remonta á Idade media e que desaparece por mor do Tratado de Límites entre España e Portugal do 29 de setembro de 1864. Delfín Modesto Brandón, que foi o derradeiro Xuíz do Couto Mixto, home de ideas progresistas no seu tempo, é o autor dunha monografía publicada en 1907 co curioso título de ‘Interesante Historieta del Coto Mixto’ na imprenda de ‘Tierra Gallega’ da Coruña, redactada anos antes en Celanova.

A súas xentes elixían democraticamente por sufraxio universal e directo á autoridade do Xuíz, que facía as veces de xefe político, gobernativo, administrativo e xudicial, por un período de tres anos e auxiliado por uns colaboradores (dous por cada aldea, chamados ‘homes de acordo’) e polo vigairo de mes, axente executor das medidas tomadas pola citada autoridade.

Os privilexios do Couto Mixto eran de orde persoal :escolla libre da nacionalidade dos seus habitantes que podían ser galegos ou portugueses, debendo gravar no lintel da porta da casa un ‘P’ ou ‘G’ para seren identificados; dereito de asilo, e estaren exentos de facer o servizo militar; de orde administrativa: non estaban obrigados a usaren impresos oficiais nin cédulas persoais; económico-comerciais: dereito de paso polo ‘Camiño Privilexiado’ entre o Couto Mixto e Tourem; e fiscais: exención de cargas fiscais a favor de España ou Portugal.

Volveremos repetir o protocolo do cerimonial desta festa cargada de emoción histórica para os habitantes dos pobos de Santiago, Rubiás e Meaus que gardan a memoria dos seus avós, e para moitos amigos que acudirán, uns por primeira vez e outros que xa son habituais participantes.

Animamos ós que aínda non coñecen o Couto Mixto a que acudan para mirar cos ollos do espírito a historia máis engaiolante da fronteira.

Previous articleBoaga – PARTICIPACIÓN DE BOAGA E AVIMÓS NA II ASEMBLEA DA IRMANDADE GALEGA DE AGROALIMENTARIOS E ADEGUEIROS
Next articleEl Progreso – Couto mixto. Memoria da fronteira