Vai para máis de vinte anos que fun visitar as estremeiras terras da raia seca na baixa Limia. Alí houbo unha entidade territorial con personalidade xurídica de seu que tiña as súas oríxes na idade media. Chamábase Couto Mixto. Un protectorado das casas nobiliarias de Bragança e Monterrei, coas mesmas peculiaridades políticas de Andorra. Os seus habitantes gozaban de certos privilexios que no resto da contorna baixo os dominios dos estados español e portugués non tiñan. Unha desas prerrogativas era a democracia directa naquel contexto político de estados absolutistas. Os veciños elixían por sufraxio universal o xuíz, presidente daquela orixinal república, máxima autoridade gobernativa, por un período de tres anos, asistido polos chamados Homes de Acordo. Gozaba a súa cidadanía de privilexios como o de non prestaren o servizo militar, e outros de carácter económico e fiscal.
O Tratado de Lisboa de 1864, polo que de redifinían as líndes hispano-portuguesa puxo fin a aquel singular territorio, que foi finiquitado nun acto institucional celebrado en Santiago de Rubiás o 23 de xuño de 1868.
Sabedores tamén de que a identidade cultural dun pobo precisa arrequecer o seu imaxinario con mitos e ritos, a Asociación de Amigos do Couto Mixto, apelou á sensibilidade de historiadores, etnógrafos, creadores literarios, músicos, axentes da planificación económica, para reconstuiren a identidade esvaída. E abofé que se foron conseguindo tales obxectivos. Os pobos de aquén e alén da raia teñen no Couto Mixto un centro de referencia que conta ademais co apoio dos emigrantes que dun tempo para esta parte amosan o orgullo de pertenza a aquelas terras. Ese foi o efecto positivo do traballo realizado, refrendado pola ampla participación nos actos programados pola asociación. A isto engándaselle os moitos audivisuais realizados que contribuíron a espallar esta historia a través das canles de televisión portuguesas e españolas, na prensa internacional e nas redes sociais.
Para estimularmos este traballo colectivo de reconstrución,e demandar dos gobernos medidas de fomento que fagan viable a vida das xentes naquelas terras, a Asociación Amigos celebra todos os anos o acto público de nomeamento de Xuíces Honorarios para recoñecer a aquelas persoas que salienten polo seu labor a prol do Couto Mixto.
Este ano serán investidos con tales dignidades, o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, don Manoel Batista Calçada Pombal, pola súa activa colaboración co Parque natural A Peneda-Xurés, no que se encadran Concello e o Couto Mixto; dona Mercedes Vázquez Saavedra, etnógrafa e fotógrafa, natural de Sarria e veciña de Pitôes das Junias, con casa aberta e con fume, polo seu meritorio traballo de investigación nos pobos arraianos; e don Xesús A. Díaz Estévez, natural de Lobios, autor da primeira obra que poetiza a historia do Couto Mixto, titulada “A utopía que diluíu o vento”.
Todos os tres recibirán os atributos -copia da chave do arcón, bastón de mando e diploma- que os acredita como Xuíces Honorarios. O acto celebrarase o próximo día 6 de xullo, ás 12:00 horas, na igrexa de Santiago de Rubiás.