Faro de Vigo – XIII Asemblea da Irmandade Xurídica Galega

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

Hai cincuenta anos, no mes de outubro de 1972, celebrouse na Coruña o I Congreso do Dereito Galego. Aos seus promotores movíaos o seu interese por estudaren a posible revisión da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia, e, ao tempo, recoller a realidade socioeconómica do país, “cuxas singularidades específicas son merecentes dunha normativa xurídica axeitada á mesma”.
O Congreso principiou cunha misa en galego oficiada polo coengo da Colexiata da Coruña, Xosé Morente. Na homilía deullelas grazas aos organizadores do congreso polo feito significativo de principialo “dándolle un posto de honra á lingua do pobo que fixo posible tal Dereito. A lingua é sempre a mellor mostra da potencia creadora do pobo que a fala”.
Manuel Iglesias Corral, presidente do Congreso non escatimou afirmacións categóricas no discurso de apertura: “Galicia é unha definición total en si mesma. Porque Galicia existe. Sen equívocos. Galicia é unha presenza inconfundible na crónica do mundo”.

Por primeira vez unha entidade corporativa da época incluíu nun regulamento de organización e funcionamento a cooficialidade, podendo ser utilizada a lingua galega nos debates e propostas escritas. Circunstancia que aproveitou ou avogado ourensán Nemesio Barxa Álvarez para propoñer que se recoñecese a validez do galego nos actos xudiciais.

Nas conclusións do congreso quedou recollida así expresamente: “Os escritos xudiciais, alomenos os interrogatorios de preguntas, repreguntas e confesións, así como os interrogatorios “in voce” poderán facerse en galego e castelán. O confesante ou a testemuña manifestarán ao xuíz ou Tribunal en cal dos dous idiomas desexan ser interrogados, e as respostas recolleranse na que se manifeste e, en todo caso, no idioma oficial”.

O maxistrado e polígrafo Fermín Bouza Brey expresou ese mesmo desexo en 1934; e o tamén xurista Lois Peña Novo nos anos vinte do século pasado afirmaba: “É moi importante o idioma no que o Dereito se manifesta, porque o idioma é o resultado da cultura de cada pobo, que foi acumulando os elementos de expresión necesarios para manifestar o seu espírito”. Xa que logo, chovía sobre mollado nas sesións do I Congreso do Dereito Galego.

Previous articleEl Progreso – Irmandade xurídica galega
Next articleLa Región – Irmandade Xurídica Galega