El Progreso – Concellos e xustiza

Xosé González Martínez
Xosé González Martínez

A fondar nos medios para acadar maiores cotas de normalización da lingua galega nas administracións públicas é unha práctica pouco común. As inercias funcionan de seu para mal. Beatriz Varela Morales, técnica do Departamento de Educación do Concello de Santiago, é unha excepción. Nese servizo municipal a meticulosidade é unha norma propia dos que saben que os dereitos humanos recoñecidos polos textos legais deben ter carácter expansivo e teren sede en todos os actos administrativos.
Beatriz Varela, vencellada de vello á Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingúística, sabe que a mellor maneira para garantir os dereitos lingüísticos da xestión dun servizo público levado a cabo por   unha empresa privada é explicitalos no prego de condicións. Tal é o caso do contrato para a xestión das escolas infantís municipais. As empresas que participan no concurso deberán incluír un proxecto lingüístico do centro «co máximo detalle sobre as directrices e estratexias  que seguirán para asegurar a adquisición do galego por parte dos nenos e nenas nun contexto de respecto que elimine os prexuizos negativos cara a lingua galega». Para que esta esixencia se cumpra esíxeselle ás empresas que opten a xestionar este servizo a competencia lingüística e sociolingüística do persoal, incluír nos plans de formación contidos para a mellora da competencia e sobre recursos educativos en galego, extendendo a obriga ao uso da lingua galega no servizo de atención telefónica e as comunicacións oficiais internas que estean directamente relacionadas coa súa prestación. Desta maneira establécese unha clara congruencia coa lexislación vixente nesta materia.

Esta praxe do Departamento de Educación que se extende a todos os contratos que ali se xeran é consecuente co  mandato legal que obriga ás corporacións locais  fomentaren o uso da lingua galega en todas as súas actividades. O Estatuto de Autonomía de Galicia e a Lei de Normalización Lingüística dan cobertura legal a esa actividade normalizadora. Asemade a Xurisprudencia dictada polo Tribunal Constitucional é tamén moi precisa ao respecto: «unha lingua é oficial cando é recoñecida polos poderes públicos como medio normal de comunicación en e entre eles e na súa relación cos suxeitos privados,con plena validez e efectos xurídicos.» Porque a oficialidade dunha lingua implica en definitiva que nas relacións que manteña, por exemplo, coa Administración de Xustiza sexa utilizada cando é o interesado quen a elixe.
A maiores, o art. 7.2 da Lei de Normalización Lingüística de Galicia preceptúa que “a parte ou interesado terá dereito a que se lle entere ou notifique na lingua oficial que elixa”. Dereito que adoita pasar desapercibida e, sen embargo, de gran transcendencia para motivar unha contaminación  lingüística positiva.
Para exercer estes dereitos as administracións teñen que ter persoal con competencia en materia lingüística e sociolingüística. Mais a realidade é ben distinta, porque a meirande parte dos servizos xurídicos  non adoitan utilizar a lingua galega perante os órganos xurisdicionais. E por que non o fan? Porque nos pregos de condicións  para a adxudicación deses servizos os técnicos municipais non inclúen, como fai o Departamento de Educación de concello santiagués, unha cláusula alusiva á obrigatoriedade do uso da lingua galega, e, ao tempo, a demanda de solicitaren dos tribunais de xustiza  que diten resolucións en galego. Se for así,  unha boa porcentaxe dos 9.358 expedientes xudiciais do  Contencioso-Administrativo, 145.175 da xurisdición Civil e 134.010 do Penal (datos extraídos da Memoria do ano 2021 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) nos que os concellos fosen parte, resolveríanse con sentenzas ditadas en lingua galega. E así como avanzariamos galeguizando a Administración de Xustiza sempre tan remisa a facelo de oficio.
A Irmandade Xurídica Galega xunto coa Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia teñen convocados a  todos os  concellos da provincia a un acto sen precedentes que se celebrará  o próximo día 14 coa finalidade de buscar solucións á problemática descrita, provocando un avance cualitativo e cuantitativo no galeguización dos usos xurídicos das administracións locais como xa o fan   as respectivas asesorías dos concellos de Vigo e Pontevedra.
A galeguización, en xeral, precisa de dous grandes medios: a imaxinación e a pedagoxía.

Previous articleLa Voz de Galicia – A defensa do galego, tarefa de todos
Next articleFaro de Vigo – Concellos e xustiza