Morreu Xavier Sierra i Valentí (Girona 1952),un médico prestixioso na súa especialidade, a dermatoloxía. Deixounos unha ampla bibliografía que acredita os seus merecementos de médico de grandes coñecementos científicos. Amais disto, foi un meritorio humanista como se pode observa lendo as achegas do seu blog “Un dermatólogo en el museo” que acadou 2.651.562 visualizacións.
Era un erudito coñecedor da arte pictórica universal da que fixo orixinais interpretacións descubrindo nos retratos dos grandes pintores as afeccións dermatolóxicas dos seus protagonistas. Reparemos algunhas súas desdcricións. No “Retrato de familia” de Giacomo Bassano observou no personaxe central carcinomas basocelulares ou basiliomas. Noutro, de Sorolla, diagnosticoulle ao retratado unha importante rosácea que motivaba unha eritema. No “El viejo pescador” de Picasso, Xavier Sierra detecta a presenza de queratose actinicas. En “María, la gallega”, de Velázquez, unha cuperose facial, reveladora dunha rosácea incipiente”. Atopo en García Sabell idéntica orixinalidade no ensaio “Van Gogh e a dimensión antropolóxica da pintura contemporánea”.
Durante moitos anos envioume as sucesivas achegas que ia publicando no seu blog. Nunha ocasión propuxéralle que incluíse nos seus estudos os retratos dos grandes pintores da pintura galega, (Castelao, Fernando Álvarez de Sotomayor…) onde podemos observar con gran realismo as peculiaridades dos rostros pintados.
Coñecino un día, hai ben anos, no Pazo dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia). Viñera a pé feito para participar na entrega dos Premios Bacelo de Prata é etiquetaxe en lingua galega, convocados pola Asociación Álvaro das Casas, que tanto interese lle suscitaran. Aquel día falamos moito coincidindo en moitos diagnósticos sobre a pluralidade cultural da península ibérica e os acontecementos políticos que se daban nela. Fixemos moita amizade que mantivemos durante moitos anos ata pouco antes do seu falecemento.
Que interese ten para os galegos, e nomeadamente para os profesionais da sanidade galega Xavier Sierra i Valentí?.Velaquí algunhas das nosas conversas que teño nos intercambios epistolares a través do Facebook, que definen a súa personalidade: “A miñá muller é galega e grazas a ela galeguiceime. Mercedes fala o catalán decotio; fálao sempre. Dílles a todos que non lle falen castelán; que falen galego ou catalán. Falamos en catalán en Catalunya e en Galicia galego. O meu pai era galego, de O Vicedo (Lugo) e aprendeume moitas cousas de Galicia: historia, lendas e tradicións populares. Gústame o galego e lin moitos libros en galego. Son nacionalista catalá e polo tanto galeguista”.
Xavier Sierra e Valentí é autor dun libro escrito en catalán de 174 páxinas titulado “Lírica Galaicoportuguesa Medieval”. En Catalunya ditou conferencias en galego sobre os nosos grandes escritores. Mesmo traducíu ao catalán poemas dalgúns poetas galegos.
“Como estiven indo a Galicia cada quince días durante dez anos, tiven moitas oportunidades para enchouparme da lingua e a cultura galegas. Cando ía a Vigo ( a súa muller exercía a medicina na sanidade pública) e viaxabamos no barco dun amigo cantabamos. Eu xa sabía a letra de todos os cantares galegos”. Tiven a oportunidade de comprobalo aquel día no xantar que seguíu á entrega dos Premios Bacelos de Prata.
Xavier Sierra foi independentista catalán. Aínda así era tolerante cos que tiñan posicionamentos políticos antagónicos. “Se alguén me aporta un argumento (un só) polo que os cataláns teriamos máis avantaxes sendo españois, estou disposto a cambiar de bando”. Algo que lle parecía imposible. Nunha conversa dixerame: “Líches o que dixo Sarkozy, o presidente francés?, preguntoume. Dixo que se Catalunya é independente vai provocar unha onda de independencias en Europa, e vaise converter en pequenas nacións que van reactivar a economía e o progreso, porque agora Europa está présa dos estados ineficaces. Que Catalunya vai ser independente sábeo todo mundo.Tamén en Madrid”.
Coñecia a actitude da clerecía galega, que era distinta da de Catalunya, identificada de vello cos valores identitarios do país. “Sabes o que pasou o 1º de outubro en Vilarrodona, un pobo de Tarragona? O escrutinio fíxose durante a misa co beneprácito do crego que artellou todo para que a Garda Civil non mallase a ninguén”.
O día 25 de xullo pasado recibín a súa derradeira mensaxe: Bó Día da Patria Galega.Viva Galicia Ceibe!
Fóisenos Xavier Sierra. Catalunya perdeu un científico e un catalanista activo. Galicia un gran admirador de noso e solidario coa nosa causa. Eu un amigo a quen tanto admirei.
Home Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüistica