No ano 1981 o catedrático de dereito administrativo, que entón foi Ministro Adxunto ao Presidente do Goberno español, tivo que responder en sede parlamentaria a unha pregunta que lle formulara o senador Francesc Ferrer. A súa intervención chamou a atención por se anticipar con acertada interpretación do estipulado pola Constitución que di que “a riqueza das distintas modalidades lingüística de España, un patrimonio cultural que será obxecto de especial respeto e proteción” (art. 3.3. da Constitución). “Ninguna lengua podrá ser marginada por el Estado”, afirmaba o ministro.
Cómpre lembrar o intenso labor realizado naquela lexislatura do senador independente do Grupo Socialista Catalán, Francesc Ferrer i Gironés. A súa actividade parlamentaria centrouse exclusivamente na defensa do idioma de Catalunya e en conseguir un estatus xurídico que garantise ademais o plurilingüísmo do Estado español. Na colección do Boletin Oficial e Diario Oficial do Senado está recollida a súa actividade parlamentaria a prol da normalización das linguas cooficiais. Foi autor de moitas publicacións monográficas sobre esta temática.
Mais os conflitos lingüísticos habíanse suceder logo coa promulgación das leis de normalización lingüíticas que foron cuestionadas mediante recursos de inconstitucionalidade perante o Tribunal Constitucional que afirmou que “a consecuencia da cooficialidade éo con respecto a todos os poderes públicos radicados no territorio autonómico, sen exclusión dos órganos dependentes da Administración central e doutras institucións estatais en sentido estricto”. Remachando que a devandita cooficialidade “implica o recoñecemento da posibilidade de usar unha delas no canto de ámbas as dúas á vez”.
Con este argumento xurisprudencial a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia considerou que o criterio de utilizar no Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial do Parlamento e Diario de Sesións a dobre columna , galego e castelán, debería ser modificado cunha única edición en galego. Un logro que supuxo un avance importante para prestixiar e normalizar o uso do noso idioma nas institucións públicas, ao tempo que os lectores destas publicacións familiarizaríanse coa linguaxe xurídico-administrativa expresada nelas.
O certo é que, sen embargo, as interpretacións restrictivas que fixeron as institucións do Estado e os seus órganos do marco xurídico, deron pé a que o idioma galego fose excluído das comunicacións da organización periférica do Estado. O exemplo máis sobranceiro foi o da Administración de Xustiza, que aínda hoxe non dispón dun programa que permita tramitar os procedementos procesuais en lingua galega; sen esquecermos que as empresas públicas como Navantia ou institucións de crédito oficial do Estado radicadas en Galicia ignoraron a doutrina xurídica, marxinando a lingua galega nas súas actividades.
O Real Decreto 905/2007, de 6 de xullo, polo que se crean o Consello das Linguas Oficiais na Administración Xeral do Estado e a Oficina para as Linguas Oficiais (BOE 19.7.2007) como órgano colexiado adscrito á Secretaria de Estado de Cooperación Territorial do Ministerio de Administración Públicas, con oito artigos e unha Disposición adicional única, semellaba que por fin se ía tomar en serio o plurilingüismo do Estado. O Real Decreto viña cubrir un baleiro legal para coordinar as actuacions dos diferentes departamentos ministeriais “especialmente polos máis directamente concernidos pola obriga de garantiren o dereito de uso das linguas oficiais das comunidades autónomas”; pretensión que quedou en papel mollado. Apenas houbo varias reunións coa finalidade de informar á Unión Europea sobre as medidas adoptadas consonte o establecido pola “Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias”, que o Goberno do Estado asinou hai anos. O dito popular de que os papeis terman do que se lles poña é certo, porque a inoperancia foi total.
A recente proposta da Vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, de modificar o artigo 6 do Regulamento do Congreso para facer posible o uso das linguas cooficais na Cámara chega con moito retraso, mais aínda así parecenos oportuna e congruente para avanzarmos na pluralidade lingüística do Estado, activando os mecanismos e medidas establecidas polo Real Decreto aludido.
A configuración actual do Estado español debe ser modificada para non limitar a validez dos actos dos dereitos lingüísticos dos cidadáns e o principio de igualdade establecido pola Constitución abríndolles ás linguas cooficiais novos espazos institucionais para o seu uso.