A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do Couto Mixto

O mércores, 19 de novembro, ás 20:00 horas, preséntase O Couto Mixto, un territorio histórico entre Galicia e Portugal que na actualidade vive un renacemento que o sitúa no mapa cultural galego. No acto proxectarase un vídeo curto sobre a historia e a beleza das súas paisaxes e o xefe superior de Policía de Galicia, Luis García Mañá, falará sobre o seu libro “Couto Mixo. Unha república esquecida”. Tamén intervirá o deputado por Ourense, Alberto Fidalgo, e o Xeneral da Garda Civil e escritor, Gonzalo Jar Couselo.

As aldeas de RubiásMeaus e Santiago, repartidas entre os concellos de Baltar e de Calvos de Randín, en Ourense, gardan unha historia de séculos durante os cales eran unha terra de ninguén entre Galicia e Portugal, coas súas propias leis e privilexios en canto a alfándegas. Non foi ata 1864 cando, ao se definir finalmente as fronteiras aínda hoxe en vigor, as tres aldeas pasaron a formar parte de Galicia. Acabou entón un sistema de goberno que se organizaba arredor dunha representación paritaria destes tres lugares na toma de decisións.

A HISTORIA DO COUTO. OS SEUS PRIVILEXIOS
Aínda que historicamente non existen documentos que acrediten a orixe da institución, sábese que o Couto naceu ligado ao Castelo da Piconha, vencellado co tempo á Casa de Bragança, na Baixa Idade Media (s. XII). Entre os dereitos e privilexios máis representativos sinálase o de asilo para os fuxidos da xustiza, o de non dar soldados, a exención de impostos, a liberdade de comercio e a liberdade de cutivos.

En 1819 asinouse un documento no que se recoñecían os privilexios do Couto. A orixinalidade deste enclave foi a de manter a súa propia organización, desvencellada das coroas portuguesa e española.

Esta paridade queda rexistrada no feito de que os selos e documentos que lexitimaban as decisións tomadas se gardaban nunha caixa con tres chaves, cada unha delas no poder do representante da aldea correspondente. Ademais deles, elixíanse periodicamente os xuíces do Couto, que administraban a xustiza e se encargaban do goberno.

En canto á nacionalidade, os habitantes do Couto Mixo non se atopaban obrigados a unha ou outra nacionalidade, podendo inclinarse, dependendo de razóns xeográficas, familiares ou tradicionais, por unha, por outra ou por ningunha.

Desde a súa desaparición legal e o sometemento á lexislación estatal, a identidade singular do Couto Mixto foise debilitando tamén.

Previous articleFaro de Vigo “El Couto Mixto, una república olvidada”
Next articlePRESENTACIÓN DO COUTO MIXTO NA CASA DE GALICIA EN MADRID.