O discurso identitario de Galicia leva máis dun século tentando confluír definitivamente coa modernidade e o progreso. Nese camiño incerto e inzado de encrucilladas no que camiñamos colectivamente cara a un futuro que aínda soñamos singular e xenuíno batemos unha e outra vez coa necesidade de volver a mirada cara ao pasado. Non é este o exercicio museístico e fosilizante de quen anda á procura do locus amoenus extraviado ou arruinado co paso dos anos. Trátase, pola contra, de atopar respostas e solucións ás dúbidas e aos atrancos naquelas persoas que algún día anhelaron, coma nós hoxe, unha Galicia próspera e asentada na hora certa da Historia.
Non é estraño que, nese proceso, teñamos que fixar a mirada, unha e outra vez, na figura de Lois Tobío, galego singular que soñou sen límites e proxectou con intelixencia unha Galicia amable, luminosa e próspera, congraciada cos seus valores culturais e identitarios. Xa moi novo expresou a súa vontade de ditar leccións insólitas e de abrir horizontes novos. Abundan os exemplos neste sentido nunha biografía repleta de capítulos brillantes, non sendo o menor deles o feito de que el fose quen, por primeira vez na secular historia da Universidade de Santiago de Compostela, empregase, como profesor, o galego nas aulas de Dereito alá pola década de 1930. Introducía Lois Tobío desta forma un paradoxal signo de modernidade na principal institución académica de Galicia, ao igual que o fixera algúns anos atrás, en 1923, cando participa na creación, sendo aínda estudante, do Seminario de Estudos Galegos, ese grupo de traballo que, fóra do acartonamento do academicismo oficial, abordaría, con parámetros empíricos e métodos científicos europeos, a realidade de Galicia para coñecela e incidir positivamente no seu desenvolvemento e progreso.
Este é o Lois Tobío que nos retrata con man precisa e intelixente Xulio Ríos neste bonito e necesario libro. Non podo menos que celebrar e darlle a benvida a unha publicación que nos devolve ao presente unha figura cuxos idearios e coordenadas vitais continúan a estar vixentes, e tanto daqueles coma destas cumprirá tirar leccións para o presente. Quede aquí tamén constancia do meu agradecemento á Irmandade Xurídica Galega por ser, unha vez máis, facho e motor propiciador de iniciativas que teñen por fin iluminar o camiño que estamos a percorrer no momento presente, nomeadamente o que nos ha levar ao necesario e ineludible destino da galeguización do ámbito da xustiza.
Valentín García Gómez
Secretario Xeral de Política Lingüística